Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE CATRO OFERTAS PARA EXECUTAR A HUMANIZACIÓN DE APARICIO VILAR E GRUPOS ESCOLARES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A mellora da accesibilidade na Praza Manuel Cortés de Bordóns recibe unha única oferta

Sanxenxo, 7 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo avanza na tramitación de dous importantes proxectos de mellora urbana tras recibir as ofertas para executar a humanización das rúas Aparicio Vilar e Grupos Escolares, en Vilalonga, e a reforma da accesibilidade na Praza Manuel Cortés, en Bordóns. Ambas as actuacións suman un orzamento global de algo máis de 382.000 euros.

O proxecto para as rúas Aparicio Vilar e Grupos Escolares conta cun orzamento de máis de 225.000 euros, financiados a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. Para adxudicarse estes traballos presentaron oferta catro empresas: Citanias, Construcciones Castro Figueiro, Covsa e Narom. A nova pavimentación destas dúas rúas empregará materiais distintos nas respectivas superficies, xa sexa para o tránsito peonil ou para o tráfico rodado. Esta diferenciación reforzarase coa colocación de elementos urbanos, entre eles bolardos, para delimitar e organizar os distintos usos do espazo e mellorar a seguridade viaria.

Ademais, o proxecto inclúe a instalación de nova infraestrutura subterránea para as redes de electricidade, telecomunicacións, alumeado público e saneamento de pluviais. Esta actuación consolida a mellora do espazo urbano neste ámbito xunto á renovada Praza Pública e ao novo Centro Socioeducativo As Lagoas.

Á reforma da Praza Manuel Cortés, valorada en case 160.000 euros, presentouse unha única oferta, a de Construcciones Castro Figueiro. A proposta, xa presentada aos veciños, preserva integramente o concepto de espazo público, aumenta a superficie utilizable da actual praza ao incorporar unhas escaleiras e ramplas, mantén a funcionalidade da bancada actual redeseñada, así como a relación de interacción cos viarios perimetrais.

O pavimento da praza realizarase cunha mestura de pavimento pétreo no perímetro e na zona de transición co empedrado actual, e de formigón desbastado con árido á vista, empregando dous tons e formando dameros trapezoidais. Este pavimento continuo e de alta calidade presenta vantaxes de durabilidade e mantemento.

A bancada prevista realizarase con elementos tipo perpiaño de distintas dimensións, executados en pedra maciza con cantos redondeados e cortados coas curvas e dimensións previstas no proxecto. Os chanzos executaranse tamén con elementos macizos con acabado antiesvaradío. O espazo dotarase de tres báculos nos que se disporán cinco luminarias direccionais de alta eficiencia lumínica.

0
0
0
s2sdefault