Sanxenxo, 9 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo saca a licitación o ensanche e pavimentación do Camiño de Guillabai en Dorrón. Esta vía, que serve de acceso principal ao lugar de Barreiro desde a contorna da igrexa de Dorrón, presenta actualmente deficiencias. Atópase completamente en terra e dispón dun ancho medio de tan só 2,50 metros, o que dificulta notablemente o tránsito diario. O proxecto sae a concurso cun orzamento de 154.800 euros e un prazo de execución de 3 meses.
As obras previstas consisten no ensanche da vía nos tramos onde sexa necesario e na súa posterior pavimentación integral. Con esta intervención búscase dotar a zona dunha plataforma de rodadura moderna, segura e adaptada ás necesidades do tráfico actual, garantindo a comodidade das persoas usuarias e un ancho de 4 metros.
Este ensanche precisará da construción de muros de cachotería de contención. Ademais, será necesario recuar os postes existentes de electricidade, telefonía e iluminación pública. Por outra banda, renovaranse as taxeas existentes e reconstruirase unha canle de regadío na nova aliñación, para permitirlles aos propietarios das leiras manter o rego destas.
Para a pavimentación, estenderase e compactarase unha base de zahorra artificial para, posteriormente, executar unha capa de mestura bituminosa en quente de 7 centímetros de espesor. A obra rematarase coa colocación dunha varanda metálica de seguridade por riba da aliñación do muro de contención. Coa ampliación e pavimentación do camiño, conseguirase unha vía segura pola que poderán transitar tanto vehículos como peóns, mellorando o servizo a toda a veciñanza da zona.
Para o Concello de Sanxenxo, manter en perfecto estado a extensa rede viaria rural é unha tarefa complexa pero prioritaria. Con actuacións como a do Camiño de Guillabai, Sanxenxo reafirma o seu compromiso coa vertebración das súas parroquias e coa mellora dos servizos públicos para toda a veciñanza.