A Administración local dispón xa dun proxecto valorado en 176.194 euros cun prazo de execución de 5 meses
Sanxenxo, 9 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo proxecta a renovación integral do peche perimetral no campo de fútbol do Revel. A actuación, orzamentada en 176.194 euros, busca solucionar a deterioración das instalacións actuais. Para o seu financiamento, o Goberno local presentou a solicitude de subvención ao IV Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.
O proxecto comezará coa retirada completa do peche perimetral e dará paso á instalación dunha estrutura diferenciada segundo a súa localización:
- Fachada principal e lateral dereito: Construirase unha base inferior cun muro de formigón, combinada na súa parte superior con chapa do tipo deployé e platinas de aceiro galvanizado.
- Resto do perímetro: O peche completarase con malla ondulada de arame gris reforzada con marcos de perfil.
De forma complementaria, os traballos incluirán a substitución integral dos postes de suxeición das redes de protección traseiras, que actualmente se atopan en mal estado, así como a renovación do portalón de acceso principal, que pasará a ser tamén de chapa, en consonancia coa nova estética do recinto.
O proxecto enmárcase no compromiso do Concello coa renovación e optimización constante das infraestruturas deportivas locais. Actualmente, estase a realizar o alicatado dos baños en todos os campos de fútbol municipais para mellorar o illamento e a comodidade dos vestiarios. Así mesmo, no campo municipal de Noalla reparáronse as fendas da bancada, procedeuse ao seu pintado e renováronse por completo os asentos. Como un paso máis nesta folla de ruta, hoxe mesmo saíu a licitación a ampliación da bancada e a instalación dunha pérgola no campo de fútbol de Baltar.