O proxecto inclúe a instalación dunha plataforma única para priorizar o tránsito peonil e soterrar o cableado aéreo
Sanxenxo, 9 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo continúa avanzando na mellora dos seus núcleos rurais. Actualmente, os traballos en Aios céntranse na execución das novas canalizacións e na demolición do firme actual, un paso previo e necesario para a instalación dunha plataforma única que transformará a mobilidade da zona.
A actuación conta cun orzamento de 674.190 euros e un prazo de execución de 10 meses. O obxectivo principal é humanizar unha contorna histórica composta por unha vintena de vivendas e edificacións auxiliares de alto valor patrimonial, como alpendres, hórreos, muros de pedra e un lavadoiro tradicional.
O proxecto abrangue unha superficie total de 2.564 metros cadrados. Debido a que os viarios actuais son estreitos e impiden separar o tráfico rodado do peonil, a obra eliminará as beirarrúas tradicionais. No seu lugar, crearase unha plataforma única que dará prioridade absoluta aos peóns, garantindo unha maior seguridade cidadá e configurando un espazo público moito máis accesible e amable.
A intervención contempla unha modernización completa das infraestruturas subterráneas e do mobiliario do núcleo:
- Soterramento de redes: eliminarase o actual impacto visual dos cables de electricidade e telecomunicacións aéreos, que pasarán a ser completamente subterráneos.
- Iluminación eficiente: renovarase o alumeado público coa instalación de 20 luminarias sobre fuste e 2 focos encaixados no chan para realzar o cruceiro.
- Mobiliario e contorna: a praza do cruceiro equiparase con 6 novos bancos para fomentar o descanso e a convivencia.
- Sinalización: colocaranse 4 bolardos de protección, 18 sinais de circulación e informativos, así como paneis explicativos para poñer en valor o patrimonio do núcleo.