Sanxenxo, 13 de outubro de 2026.- As Escolas Municipais de Sanxenxo inauguraron oficialmente o curso académico 2026-2027 cunha elevada participación e un total de 277 alumnos matriculados nas diferentes disciplinas ofertadas para este ano. A concelleira de Educación, Nati Parada, destaca “a alta participación nunha programación que aposta pola formación continua e un ocio de calidade”.
A Escola de Música suma un total de 226 alumnos. O groso desta escola está composto polo público infantil, con 208 nenos e nenas orientados á formación musical temperá, acompañados por un grupo de 18 adultos que retoman ou inician os seus estudos instrumentais. Conta cun catálogo de 15 disciplinas instrumentais, entre as que se atopan Óboe, Frauta, Clarinete, Saxofón, Fagot, Trompa, Trompeta, Trombón, Tuba/Bombardino, Percusión, Violonchelo, Contrabaixo, Guitarra, Piano e a recente incorporación da especialidade de Violín.
Pola súa banda, o Centro de Arte colgou o cartel de completo nas súas dúas modalidades. Rexistra un total de 40 matrículas, distribuídas de forma equitativa entre 20 nenos e 20 adultos. O grande interese espertado pola actividade superou o aforo dispoñible, polo que foi necesario habilitar unha lista de espera en ambos os grupos de idade para cubrir posibles vacantes.
Finalmente, a actividade enfocada ás competencias tecnolóxicas e científicas, Lego-Stem, consolídase dentro da programación municipal. Esta disciplina conta xa cun total de 11 alumnos matriculados, todos eles en idade escolar (nenos e nenas), que desenvolverán as súas habilidades en robótica e construción ao longo dos próximos meses.