O servizo desprazarase semanalmente a espazos públicos das distintas parroquias do municipio
Sanxenxo, 14 de outubro de 2026.- Sanxenxo suma un segundo punto limpo móbil co que se estima que se poderán recoller ata 40 toneladas ao ano de residuos especiais. O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recibiu onte a unidade móbil na Praza Pública de Vilalonga, onde permanecerá durante toda a semana. “O obxectivo é facilitar e achegarlle aos veciños a recollida de residuos que non se poden depositar nos colectores convencionais”, sinala Torres. Os dous puntos limpos móbiles desprazaranse semanalmente a espazos públicos das sete parroquias do municipio.
Cunha poboación que supera os 18.000 habitantes, á que se suma unha elevada poboación estacional durante a tempada turística, Sanxenxo conta cun punto limpo fixo e outra unidade móbil que resultan insuficientes para dar unha cobertura óptima ás sete parroquias. Con esta nova adquisición, o goberno prevé solucionar as dificultades de accesibilidade, incrementar nun 8 % a recollida separada e frear o risco de depósitos incorrectos ou abandonos incontrolados na contorna.
O novo punto limpo móbil consiste nunha unidade compacta de reciclaxe en formato remolque, deseñada con materiais de alta resistencia como paneis sándwich e perfís de aluminio, chan de taboleiro finlandés e un sistema automático contra incendios mediante sensor de temperatura.
O dispositivo conta con nove bocas selectivas preparadas para clasificar correctamente fluxos de residuos que non teñen cabida nos colectores convencionais:
- Residuos de aparellos eléctricos e electrónicos
- Tubos fluorescentes
- Pilas e acumuladores
- Aceites vexetais usados
- Pinturas e vernices
- Téxtiles
- Pequenos voluminosos
A adquisición supuxo un investimento total de 12.100 euros (IVE incluído), actuación que se enmarca dentro dos conceptos subvencionables da Liña 6 da orde de axudas autonómicas para a xestión de residuos.
