Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA OS TRABALLOS DE RECUPERACIÓN DO REGATO DA CARABUXEIRA E A MELLORA DO ACCESO AO AREAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación ten un custo total de 48.730 euros e está cofinanciada cunha subvención de 32.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental

Sanxenxo, 13 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo puxo en marcha os traballos de recuperación ambiental do regato da Carabuxeira e a mellora do acceso principal ao areal. A actuación, que foi supervisada esta mañá polo concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, conta cun orzamento de 48.730 euros e está cofinanciada cunha subvención de 32.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental.

O proxecto principal céntrase no encauzamento dun tramo de 22,5 metros do regato ao seu paso pola praia, unha canle a ceo aberto que, debido aos temporais e á morfoloxía do terreo, variaba constantemente o seu trazado, dificultando o tránsito dos bañistas. Para solucionar este problema de mobilidade, o Concello instalará un paso elevado peonil fabricado en material de imitación madeira, garantindo así unha maior durabilidade fronte ás condicións do ambiente mariño. A intervención completarase coa repavimentación da praza de acceso á praia.

Os traballos na contorna do areal contemplan, ademais, unha serie de medidas correctoras para embelecer o espazo e garantir a seguridade das persoas usuarias. Entre elas, destaca a colocación dunha varanda protectora na praza de acceso para evitar caídas a distinto nivel, o perfilado da area para harmonizar a praia, tarefas de limpeza da vexetación e a reparación dun pequeno tramo de muro de pedra para frear a erosión.

Plan de choque contra as verteduras

De forma paralela, o Concello mantén activo o seu plan estratéxico para eliminar os puntos de contaminación e garantir a calidade da auga na Carabuxeira. Tras as auditorías e mostraxes técnicas realizadas augas arriba durante o verán de 2025, a administración local deseñou un paquete de obras hidráulicas complementarias por un valor de 43.653 euros.

Estas actuacións urxentes incluirán a renovación de 140 metros de canalización, a limpeza do colector interior do edificio Florida e a conexión dunha acometida residencial á rede xeral de residuos.

Este plan dá continuidade ás melloras iniciadas en 2024 coa renovación do saneamento na rúa Profesor Hermida, na zona de Miraflores, que xa lograron optimizar sensiblemente a calidade das augas na saída de pluviais oeste.

 

0
0
0
s2sdefault