Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONVÉRTESE NA CAPITAL MUNDIAL DA ECONOMÍA AZUL CO CONGRESO INTERNACIONAL DE PESCA E TURISMO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O alcalde, Telmo Martín, inaugurou esta mañá o encontro no Gran Talaso Hotel Sanxenxo

Sanxenxo, 15 de outubro de 2026.- Sanxenxo acolle hoxe e mañá o Congreso Internacional de Turismo Pesqueiro e Turismo Mariñeiro, un encontro clave de repercusión global que posiciona Galicia como o máximo referente na xestión sostible do turismo vinculado ao mar e á economía azul. A cita, organizada no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, foi inaugurada esta mañá polo alcalde, Telmo Martín; a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o subdirector xeral de Sustentabilidade Económica e Asuntos Sociais, Manuel Pablo López; e María del Carmen Vázquez, presidenta do GALP Ría de Pontevedra.

“O turista de hoxe xa non busca só contemplar unha paisaxe; busca autenticidade, busca experiencias reais. E en Galicia non hai historia máis real e valiosa que o esforzo diario das nosas mariscadoras, a destreza das nosas redeiras ou o son das nosas lonxas en plena poxa”, expuxo o alcalde.

O foro, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, congrega os principais Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), representantes públicos e delegacións especializadas de diferentes países. Durante ambas as xornadas, o debate centrarase na necesidade de estruturar, promocionar e comercializar novas experiencias turísticas respectuosas coa identidade dos pobos costeiros.

Coa celebración deste simposio de gran formato a mediados de outubro, Sanxenxo ratifica a súa estratexia de diversificación para atraer un perfil de visitante internacional de alto valor engadido fóra dos meses da tempada estival. A aposta pola autenticidade do turismo pesqueiro non só enriquece o ecosistema cultural galego, senón que tamén xera novas e inmediatas oportunidades de negocio directo para o tecido empresarial costeiro.

“Para Sanxenxo, este congreso representa unha oportunidade de ouro para vencer a estacionalidade turística. Queremos demostrar que as nosas Rías Baixas teñen un atractivo incalculable durante todo o ano”, afirmou Martín.

0
0
0
s2sdefault