Sanxenxo, 15 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo analiza as cinco ofertas presentadas por Covsa, Citanias, Castro, Seranco e a UTE de Etyser e García Reyes para executar a humanización do núcleo de Outeiro en Dorrón. As obras saíron a licitación cun orzamento de 733.197 euros e un prazo de execución de doce meses.
A actuación busca intervir de forma integral neste núcleo tradicional, caracterizado polas súas rúas estreitas e pequenos viarios. O obxectivo é renovar a imaxe da contorna e, ao mesmo tempo, facela máis accesible e cómoda para os peóns, coa mellora das infraestruturas e unha nova ordenación dos espazos públicos.
Entre as actuacións previstas figura a renovación dos pavimentos, así como a mellora das redes de saneamento e pluviais. O proxecto tamén contempla unha nova organización do tránsito de vehículos e peóns, ademais da instalación dunha rede de iluminación e mobiliario urbano adaptada ás características de Outeiro.
Un dos principais cambios será o incremento da superficie destinada ao tránsito peonil. A intervención afecta a un ámbito de 2.458 metros cadrados, dos que actualmente apenas 83 metros cadrados están configurados como espazo peonil. Coa reforma, esta superficie alcanzará os 812 metros cadrados, practicamente dez veces máis que na actualidade.
O proxecto prevé, ademais, actuar sobre a rede viaria do núcleo. En concreto, intervirase en 11 pequenos viarios e tres cruces, que en conxunto suman arredor de 928 metros lineais. Deste xeito, renovaranse estes espazos e mellorarase a convivencia entre peóns e vehículos.
Nestes momentos, están en execución as humanizacións dos núcleos rurais de Aios e Padriñán.