A actividade, impulsada pola Concellería de Educación, estrutúrase en tres fases e concluirá no segundo trimestre cunha acción polo 8M
Sanxenxo, 26 de outubro de 2026.- Co obxectivo principal de fomentar unha cultura de respecto, convivencia e equidade de xénero desde as aulas, convertendo o propio alumnado en protagonista activo do cambio, a Concellería de Educación, dirixida por Nati Parada, puxo en marcha a iniciativa “Creando Axentes de Igualdade”. Unha proposta, dirixida ao alumnado de 3º de Educación Primaria, que avanza con paso firme nos centros educativos Magaláns, Cruceiro, O Telleiro e A Florida, que se sumaron activamente á iniciativa.
O proxecto busca complementar a formación nas aulas mediante a análise das actitudes e relacións sociais dos menores. A través desta observación, o propio alumnado elixe os seus “Axentes de Igualdade”, estudantes que asumen a responsabilidade de dinamizar, propoñer e liderar accións reais que melloren a convivencia na súa contorna escolar cotiá.
A actividade estrutúrase de forma progresiva ao longo dos próximos meses:
- Fase 1: Diagnóstico (outubro): Realízase con todo o grupo-clase para avaliar a situación inicial, analizar as dinámicas sociais e de igualdade e seleccionar o alumnado que asumirá o papel de axente.
- Fase 2: Sesións de Igualdade (segunda quincena de novembro): Encontros participativos cos axentes seleccionados para definir o seu papel, recoller as súas propostas e codeseñar o proxecto conxunto.
- Fase 3: Implementación (segundo trimestre): Acompañamento aos axentes para liderar as accións no centro, incluíndo unha actividade especial con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.