O alcalde, Telmo Martín, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración no terreo
Sanxenxo, 27 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo e a Xunta de Galicia rubricaron esta mañá en Vilalonga o terceiro proxecto, en apenas un ano, para dotar o municipio de máis vivenda pública. O alcalde, Telmo Martín, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañados da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, selaron un protocolo de colaboración para o desenvolvemento dun Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para facilitar a construción de 350 vivendas públicas nun solo cunha superficie de 85.621 m².
O alcalde agradeceu ao presidente “a axilidade e o compromiso” na posta en marcha de vivenda pública en Sanxenxo. “Un proxecto que xera un beneficio dobre tanto para as familias como para o impulso económico, comercial e social que suporá para Vilalonga”. Na mesma liña, asegurou que “mentres outros en oito anos falan e falan, outros facemos e facemos”.
Tal e como explicou Rueda, este “esforzo conxunto” permitirá incrementar a oferta de vivenda accesible destinada a primeira residencia “para a xente moza que quere vivir no seu concello e moita xente dos arredores que quere vivir aquí”. O proxecto pon o foco na mocidade e nos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado residencial. Na súa intervención, Rueda avogou por “darlle seguridade aos propietarios para que aluguen” e por construír “para intentar solucionar o que agora é o maior problema para moitísima xente”.
O ámbito obxecto do acordo sitúase na parroquia de Vilalonga, nunha contorna con servizos comerciais, deportivos, recreativos e hostaleiros, e con boa conexión coa Autovía do Salnés. Trátase dun sector no que xa se executaran obras e investimentos previos que quedaron paralizados tras a crise de 2008. Agora, o instrumento do PIA permite ordenar e desbloquear este solo, redeseñando a actuación para facela viable e axilizando os trámites para a súa posta en marcha.
O desenvolvemento deste proxecto parte dunha liña de colaboración entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo. A adquisición do solo por parte do Concello á Sareb, cun custo de 3,5 millóns de euros, contou co financiamento do Fondo de Cooperación da Xunta.
Esta actuación súmase ás dúas parcelas situadas en Noalla e na Rúa das Cunchas, cedidas anteriormente de forma gratuíta polo Concello, nas que está prevista a construción doutras 65 vivendas de promoción pública, incluíndo unidades destinadas especificamente ao alugueiro residencial para menores de 36 anos. Tras o acto de hoxe, a Administración autonómica iniciará a tramitación correspondente para licitar a redacción do proxecto do PIA.