Concello de Sanxenxo - SANXENXO REFORZA A SÚA PROXECCIÓN INTERNACIONAL COA PARTICIPACIÓN NA WORLD TRAVEL MARKET DE LONDRES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 30 de outubro de 2026.- Sanxenxo consolidará un ano máis o seu liderado turístico internacional coa súa participación na World Travel Market (WTM) de Londres, que se celebrará do 3 ao 5 de novembro no centro de exposicións ExCeL London. O municipio acode á cita co obxectivo estratéxico de captar operadores internacionais e promocionar o seu potencial natural, náutico e deportivo de cara ao próximo horizonte do Xacobeo 2027.

A delegación local estará encabezada polo concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza Otero, quen liderará unha misión comercial integrada por unha destacada comitiva de empresas locais a través do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), co seu presidente á fronte. Esta acción desenvólvese de forma coordinada co Clúster de Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia.

Presentación oficial e respaldo institucional

O evento contará cun forte respaldo institucional desde a súa xornada inaugural o luns 3 de novembro, que incluirá a asistencia da secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez Grau.

O momento central para o destino galego terá lugar o mércores 4 de novembro ás 13:00 horas no stand de Turismo de Galicia. A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, encabezará unha presentación oficial centrada nas fortalezas do destino, o Camiño de Santiago e as propostas vinculadas ao Xacobeo 2027. A axenda institucional desta edición viuse modificada, quedando cancelada a habitual recepción na Embaixada de España en Londres debido ao recente accidente ferroviario.

Aposta polo turismo náutico e os Sendeiros Azuis

No plano estritamente promocional, o espazo de Sanxenxo estará integrado dentro do stand global de Galicia na área de Turespaña. O municipio despregará ferramentas promocionais deseñadas especificamente para o mercado anglosaxón. Entre os recursos que se distribuirán figuran merchandising, un folleto xenérico do destino e outro específico de turismo náutico, ambos editados en inglés, así como a Guía de Sendeiros Azuis, tamén en inglés, que estará dispoñible en formato papel e poderá descargarse mediante un código QR.

Con este despregamento, Sanxenxo busca consolidar a súa estratexia de desestacionalización, demostrando que os seus recursos naturais, o seu litoral e as súas rutas de sendeirismo configuran un destino multiexperiencial atractivo durante calquera época do ano. Durante os tres días de feira, a comitiva manterá unha intensa axenda de reunións de traballo con turoperadores e axentes do sector para pechar alianzas comerciais e abrir novas canles de comercialización no mercado inglés.

0
0
0
s2sdefault