Concello de Sanxenxo - SANXENXO IMPULSA UN PROTOCOLO PARA MELLORAR A COORDINACIÓN ANTE VERTEDURAS INCONTROLADAS E RESIDUOS VOLUMINOSOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As verteduras de lixo ou residuos en lugares non autorizados poden supoñer unha sanción de ata 600 euros

Sanxenxo, 4 de novembro de 2026.- A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Yago Torres, impulsa un protocolo en colaboración coa Policía Local e a empresa concesionaria para mellorar a coordinación e a resposta ante verteduras incontroladas e residuos voluminosos no municipio. Durante esta mañá, mantiveron un encontro para analizar as distintas fases do procedemento para previr, detectar, investigar e sancionar o depósito inadecuado ou non autorizado de residuos voluminosos e outros residuos na vía pública, así como axilizar a súa retirada.

“Queremos acabar con este tipo de prácticas. Incrementarase a vixilancia, pero tamén solicitamos a colaboración dos veciños á hora de informar e denunciar estas actitudes que danan o noso medio ambiente e a nosa imaxe”, asegura o concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres.

Sanxenxo dispón dun Punto Limpo fixo, situado no lugar da Cereixeira, en Padriñán, e dous puntos limpos móbiles que se desprazan de forma periódica polas distintas parroquias do municipio. Ademais, dispón dun servizo de recollida de residuos voluminosos a particulares, a través do teléfono 638 240 885, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no que se fixa o día de recollida e a hora á que se debe depositar o residuo. Está terminantemente prohibido deixar residuos voluminosos na rúa fóra do horario e das indicacións acordadas. Con todo, malia contar con estes medios, o Concello segue detectando focos de verteduras incontroladas en espazos públicos.

O Regulamento de Protección do Medio Ambiente, de Limpeza Pública e de Recollida de Lixo recolle como unha infracción moi grave “o verquido de lixos e refugallos en lugares non autorizados”, que pode supoñer multas de ata 600 euros. En 2025, a empresa concesionaria retirou 368 toneladas de residuos voluminosos, unha cifra que se foi incrementando nos últimos anos grazas á posta en marcha dos distintos servizos gratuítos.

0
0
0
s2sdefault