Concello de Sanxenxo - O GOBERNO SERÁ ESTRITO CO CONTROL E O CUMPRIMENTO DE HORARIO, AFORAMENTO E MEDIDAS DE SEGURIDADE DOS LOCAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia é moi contundente con aqueles establecementos que excedan o aforamento máximo e o horario de peche. A estas esixencias xa en vigor desde 2018, hai que engadir as medidas de seguridade polo Covid 19, distancia interpersoal, o uso de máscaras e unha maior limitación dos aforamentos.
A resolución da Xunta sobre as medidas do Covid limita máis os aforamentos dos locais de copas, en concreto o 66% do que permite a licenza, ademais é obrigatorio o uso de máscara no interior e no exterior cando non se poida gardar a distancia entre persoas.
A Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas cualifica de infracción grave con sancións de 301 a 30.000 euros e o peche do establecemento por 1 ano aos locais que incumpran o horario de peche. É unha infracción moi grave superar o aforamento, impedir o acceso ao local dos axentes da autoridade ou ao persoal de inspección e a comisión de dúas ou máis infraccións graves con sancións que van de 30.001 a 600.000 euros e o peche do establecemento por 3 anos, e mesmo, definitivo.
O Concello está disposto a facer uso da lexislación vixente cando se incumpra o aforamento, o horario de peche e as medidas de seguridade do COVID 19. "Non imos permitir que uns poucos establecementos xoguen coa saúde das persoas, a reputación de Sanxenxo e o traballo que a maioría dos hostaleiros e o Concello vimos facendo nos últimos meses para que Sanxenxo sexa un destino seguro", incide o goberno local.
A lei establece que os concellos poden ampliar os horarios dos locais, pero tamén reducilos, é dicir, adiantar o peche, con independencia do que estableza a licenza do local. A Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas no seu artigo 4.F sobre as competencias dos concellos di que poderán: "Autorizar as ampliacións ou reducións sobre o horario xeral, en atención aos criterios, supostos e circunstancias que, no seu caso, figuren na orde de horarios prevista no artigo 17." 
A noite do sábado e a madrugada do domingo 6 gardas civís, 4 policías autonómicos e 4 policías locais xunto co concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, percorreron todas as zonas de copas do Concello e comprobaron que os locais e os seus clientes estaban a cumprir as medidas de seguridade, salvo mínimas incidencias. Incluso unha parte do percorrido estiveron acompañados por dúas cadeas de televisión. O goberno espera que esta sexa a tónica xeral, pero quere deixar ben claro que se ten que ser contundente o será.

0
0
0
s2sdefault