Concello de Sanxenxo - PORTONOVO GASTRONÓMICO VOLVE CO MELLOR PRODUTO NAS COCIÑAS E TRES DÍAS DE ANIMACIÓN NAS RÚAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 22 de abril de 2025.- A Casa Mariñeira de Don Fernando acolleu esta mañá a presentación de Portonovo Gastronómico, que contará con tres días de animación nas rúas e o mellor produto nas cociñas dos locais de hostalaría. A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, acompañada de colectivos de Portonovo e representantes do sector, deu a coñecer o programa da cita que terá lugar os próximos 2, 3 e 4 de maio. “Un evento que mantén a tradición da Festa da Raia ao tempo que amplía a súa oferta con tres ingredientes: gastronomía, música e animación nas rúas”, sinalou.

A terceira edición de Portonovo Gastronómico conta coa colaboración de 19 locais de hostalaría e coa implicación dos colectivos de Portonovo como Ollares, Os Gatiños, Lembranzas, Amigos da Dorna, a Coral Polifónica, Mulleres Rurais, comisión de festas, colectivo de veciños e asociación de xubilados. “Cada local ofrecerá dúas tapas a un prezo de 5 euros que se irán selando e permitirán participar nun sorteo de estadías e comidas por valor de 50 euros”, explicou. O sorteo realizarase o domingo ás 16 horas.

Torres asegurou que se trata dun programa pensado para gozar “toda a familia” con un total de 30 horas de actividades e 3 días seguidos con música nas rúas, concertos, animación, exposicións e xogos tradicionais. Os rostros dos veciños de Portonovo volverán lucir en Rafael Picó cunha gran exposición realizada por Ollares de Portonovo. A programación, que pode consultarse nesta ligazón https://bit.ly/PortonovoGastronomico25 , arrancará o venres 2 de maio e prolongarase ata o domingo 4.

O domingo 4 de maio celebrarase a entrega da Raia de Ouro na Casa Mariñeira de Don Fernando. A persoa homenaxeada revelarase nos próximos días. O acto estará conducido pola presentadora de ‘Hora Galega’ da TVG, Rocío Durán.

0
0
0
s2sdefault