A proba terá lugar este sábado cun total de 20 clubs inscritos
Sanxenxo, 9 de xuño de 2025.– A praia de Baltar acollerá este sábado o trofeo de piragüismo ‘Vila de Portonovo’ con máis de 300 deportistas inscritos de 20 clubs do territorio nacional e Portugal. O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, acompañado do presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, e do Club de Piragüismo de Portonovo, Alberto Rodríguez, presentaron a cita deportiva. A regata, puntuable para a Copa Galega de Ríos e Travesías, disputarase en embarcacións K-4 e C-4 nas categorías Cadete, Júnior, Sénior e Veterano, tanto feminina como masculina.
A saída da regata realizarase desde a auga con todos os tripulantes a bordo da embarcación, e estará situada na parte da praia de Baltar máis próxima ao porto de O Chasco (Club Náutico de Portonovo). A chegada á meta será na mesma localización. O percorrido da regata estará comprendido entre a praia de Baltar (Portonovo), a parte exterior do porto de Sanxenxo e a praia de Silgar. As categorías cadete e muller canoa deberán completar unha distancia de 5.000 metros, mentres que o resto das categorías deberán realizar unha volta completa e unha volta pequena, cunha distancia aproximada de 8.000 metros. Realizaranse tres saídas: ás 16:30 h, ás 17:30 h e ás 18:30 h.
De forma extraordinaria, poderanse realizar inscricións conxuntas con participantes de diferentes clubs, pero estes equipos non puntuarán, e só terán dereito a recibir a medalla ou trofeo. Estas inscricións extraordinarias deberán enviarse por escrito, ademais da inscrición na páxina web, por fax ou correo electrónico. Estará autorizada, tanto nas embarcacións K-4 como nas C-4, a utilización de achicador eléctrico.