A actividade dará comezo ás 20:00 h e contará coa actuación do grupo “La noche de O Grove”
Sanxenxo, 16 de xuño de 2025.– A Praza Pública de Vilalonga converterase este domingo nunha pista de baile para os maiores do municipio. O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais e Maiores, dirixida por Paz Lago, convoca ás persoas maiores de 65 anos residentes no municipio a unha xornada de baile e merenda. A actividade dará comezo ás 20:00 horas e contará coa actuación do grupo “La noche de O Grove”. Sanxenxo conta cun total de 4.672 persoas maiores de 65 anos.
A actividade, solicitada polos clubs de xubilados, preséntase como o broche de ouro a un ano de intensa actividade a través dos distintos programas municipais como educación física para maiores, o obradoiro de memoria ou as charlas de saúde dirixidas a coidadores.
“Queremos que veñan os nosos maiores a pasalo ben e a desfrutar dun momento de convivencia a través do baile”, explica a concelleira Paz Lago.
Tamén haberá unha merenda e agasallos para os participantes. A actividade xa contou cun gran éxito de participación nas dúas edicións anteriores.
Sanxenxo é un referente pola súa política social, cun gasto por habitante dos máis altos de Galicia: 217,56 euros. O custo total ascende a 3.935.497 euros anuais en 2025, cunha forte aposta polo Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de máis de 2,1 millóns de euros. Ademais, atende a preto de 80 maiores no Centro de Día municipal.