Sanxenxo, 17 de xuño de 2025.– O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asinaron esta mañá a ampliación do convenio para habilitar, desde o 1 de xullo e ata o vindeiro 15 de setembro, unha zona de estacionamento libre no varadoiro de Portonovo. Esta medida, que xa se levou a cabo en anos anteriores pero só ata o 31 de agosto, conta co beneplácito das entidades implicadas: Portos de Galicia, Concello de Sanxenxo e Confraría de Pescadores de Portonovo.
Con este acordo, dáse resposta a unha necesidade de espazos para aparcar que demanda a hostalaría local. O espazo utilizado como aparcadoiro no varadoiro pon á disposición de veciños e visitantes arredor de 80 prazas.
Estas prazas de estacionamento súmanse ás do parking habilitado en A Xunqueira, fronte ao mercado de abastos de Portonovo, con capacidade para máis de 120 coches; na Rúa da Perla, para máis de 200 coches; un espazo en Baltar con capacidade para 60 coches, e na contorna da piscina e o skate park, cun total de 250 prazas.
Ademais, este ano e co obxectivo de facilitar a dinamización comercial e hostaleira, o Concello ampliou á Rúa Espiñeiro a zona azul gratuíta, xunto a un tramo de Rafael Picó. Nestes espazos permítese o estacionamento durante noventa minutos continuados, de 9:00 a 21:00 h, e libre o resto do tempo.
Este sistema permite multiplicar ata por nove o uso de cada praza de estacionamento.