A sanción, segundo o Regulamento de Protección do Medio Ambiente, de Limpeza Pública e de Recollida do Lixo, pode acadar os 600 euros
Sanxenxo, 8 de xullo de 2025.– A concesionaria da limpeza viaria e recollida de lixo, Ascan, analizará as bolsas do lixo depositadas fóra dos puntos de recollida para, en colaboración coa Policía Local, tratar de localizar ao infractor a través dun recibo ou algunha tarxeta identificativa. Un comportamento que podería supoñer unha sanción de ata 600 euros, segundo o Regulamento de Protección do Medio Ambiente, de Limpeza Pública e de Recollida do Lixo. O artigo 39 considera unha infracción moi grave “o vertido de lixo e restos en lugares non autorizados”.
O Concello pide a colaboración cidadá ante este tipo de comportamentos incívicos que danan a imaxe do municipio e xeran problemas de insalubridade nos puntos nos que se producen. Nos últimos días detectáronse depósitos de bolsas de lixo no centro de Sanxenxo, en lugares como a Rúa Consistorio ou na Praza do Pazo, pero tamén na zona da Granxa, en Dorrón, entre outros.
O municipio conta con 651 illas de residuos e máis de 2.000 colectores repartidos polas sete parroquias. No caso de residuos especiais ou voluminosos, o Concello dispón dun punto limpo. Todos os veciños con domicilio no municipio de Sanxenxo, que faciliten os seus datos na recepción, poderán utilizalo de balde. O horario é de martes a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, e os sábados de 10.00 a 13.30 horas.