A actividade enmárcase dentro do 40 aniversario da Televisión de Galicia cun programa especial en directo: “Mirade arriba”
Sanxenxo, 22 de xullo de 2025. A Televisión de Galicia celebrará o seu 40 aniversario cun espectáculo aéreo inédito con máis de 200 drons, deseñado e executado por Flock Drone Art Studio, que despexarán desde a Praza do Mar e sobrevoarán o ceo enriba da Praia de Silgar. Un evento único que se emitirá o vindeiro 24 de xullo, a partir das 22:30 horas, en directo desde Sanxenxo dentro do programa especial “Mirade arriba”, producido por Setemedia.
Presentado por David Espiño e Rocío Delgado, o programa contará cun set instalado a pé de praia, rodeado de veciños, turistas, convidados e rostros coñecidos da TVG. Alí vivirase por primeira vez en Galicia unha coreografía de drons a gran escala, que transformará o ceo nunha pantalla tridimensional para render homenaxe ás catro décadas de historia audiovisual galega.
Este innovador espectáculo, creado por Flock Drone Art Studio, será unha homenaxe por todo o alto aos 40 anos da Televisión de Galicia. Un show exclusivamente deseñado para a ocasión que non deixará a ninguén indiferente.
A emisión deste programa especial precederá aos tradicionais Fogos do Apóstolo en Santiago, cunhas conexións en directo coa capital galega. Ademais, o programa incluirá material de arquivo exclusivo que percorre a evolución da canle, así como reportaxes e entrevistas sobre festas emblemáticas.
Flock Drone Art Studio é un referente no sector dos espectáculos con drons a nivel nacional e internacional. Especializados na creación de experiencias artísticas e tecnolóxicas únicas no ceo, o equipo de Flock levou os seus shows a eventos culturais, festivais, celebracións institucionais e marcas por toda Europa.
Guadi Galego en Dorrón
Dentro da programación de verán do Concello de Sanxenxo, a artista Guadi Galego recalará o mesmo día coa súa xira Síntese Horizonte na explanada da Casa de Cultura de Dorrón. O concerto será de balde e comezará ás 22:00 horas.