Concello de Sanxenxo - OS DATOS DO PRIMEIRO SEMESTRE CONFIRMAN QUE A ACTIVIDADE TURÍSTICA DE SANXENXO MEDROU UN 20,7%
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O aumento da actividade turística notouse especialmente nos meses de xaneiro e xuño.

 

Sanxenxo, 24 de xullo de 2025.– Segundo os datos do Big Data telefónico contratado pola Mancomunidade do Salnés para medir a actividade turística, desde xaneiro ata xuño de 2025 pernoctaron en Sanxenxo 221.426 viaxeiros. Unha cifra que supón un incremento do 20,7% con respecto aos 183.507 viaxeiros do mesmo período en 2024. É unha boa nova, xa que medrar nos meses de tempada baixa é o obxectivo principal de Sanxenxo, como recolle o lema “Sanxenxo, 365 días diferentes”.

 

Xaneiro é o mes con menos actividade turística (moitos establecementos aproveitan para descansar nese período), porén, foi o de maior crecemento con 18.022 viaxeiros que pernoctaron, un 10,25% máis que en 2024 (16.352). O segundo mes con maior crecemento en viaxeiros con pernocta foi xuño, cun incremento do 9,92% entre 2024 (74.002) e 2025 (81.383).

 

En canto á evolución dos visitantes do día, é dicir, os que non pernoctan e veñen a Sanxenxo a pasar unhas horas, foron 815.858 persoas no primeiro semestre, fronte ás 806.445 de 2024, o que supón un lixeiro aumento do 1,20%.

 

Por último, no que respecta ao número de visitas, pasouse das 2.522.529 de 2024 ás 2.651.409 do primeiro semestre deste ano. O que supón un incremento do 5,10%. É dicir, medra moi pouco o número de persoas diferentes que nos visitan durante o día, porén, si aumenta significativamente o número de visitas. En ambos casos, trátase de cifras moi importantes que avalan o atractivo que ten Sanxenxo entre as persoas que viven a unha distancia dunha hora ou menos.

0
0
0
s2sdefault