O presidente provincial, acompañado polo deputado e concelleiro Marcos Guisasola, salienta a colaboración entre as dúas administracións para sacar adiante proxectos complexos que mellorarán os servizos que se prestan á veciñanza
A colaboración prevista para este ano do organismo provincial co Concello de Sanxenxo a través dos plans de cooperación é de 2,36 millóns de euros
Pazo provincial, 23 de outubro do 2025. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, para a reforma do edificio Multiusos de Portonovo. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Martín selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 900.000 euros para financiar unha obra valorada en 1,25 millóns de euros, da que o Concello aporta os 357.600 euros restantes. Un apoio que, segundo sinalou o mandatario provincial, permitirá mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria nunha estrada moi transitada por condutores e peóns. “Vai ser clave á hora de proporcionar servizos municipais e acoller espazos para a veciñanza de Sanxenxo”, salientou o mandatario provincial, que estivo acompañado polo deputado e concelleiro de Sanxenxo, Marcos Guisasola.
O proxecto propón unha nova distribución para mellorar a funcionalidade e accesibilidade do edificio. No semisouto retirarase o club de piragüismo, na planta baixa haberá un espazo multiusos e ampliaranse as instalacións cara o semisouto, a primeira planta contará cun espazo multiusos con cociña para cursos con acceso propio, a segunda planta destinarase a zona de despachos e sala de reunións para servicios sociais, na terceira planta procederase á renovación das aulas da escola de maiores, con servizos informáticos e audiovisuais; e a planta baixo cuberta albergará unha sala de estudos. Ademais da redistribución de usos lévanse a cabo unha serie de melloras no edificio como a renovación da cuberta, da fachada e do illamento térmico; a substitución do pavimento interior e renovación de remates, escalóns e rodapés; a instalación de carpintería, madeira, metálica e vidrería e pintura e a contrrución de tabique de ladrillo.
“Son proxectos complexos, pero cando ao outro lado da mesa tes outra persoa como o alcalde de Sanxenxo permite que sexan realidade en tempo e forma e que todas esas cuestións que os veciños necesitan pasan do papel á realidade”, recoñeceu López. Neste sentido, o rexedor tamén puxo en valor o apoio do goberno provincial. “Agradecemos a axilidade coa que se están facendo plans como este Plan Extra desde que Luis López é presidente da Deputación, así como o apoio que nos está dando a Sanxenxo para un proxecto que vai permitir que os veciños estean mellor atendidos”, confesou Martín.
Despois de lembrar que o prazo de presentación de proxectos para a segunda convocatoria do Plan Extra remata o vindeiro 4 de novembro, lembrou Luis López que a colaboración da Deputación co Concello de Sanxenxo non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial arredor de 2,3M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, unha cifra que é aínda maior ao ter en conta proxectos de infraestruturas como o aprobado hai unha semana por valor de 2,1 millóns de euros para iniciar a contratación do proxecto de mellora da mobilidade peonil na estrada provincial que une as localidades de Noalla e Aios. “Seguimos convidando a manter esta liña de colaboración que é o que fai que estes proxectos saian adiante”, concluíu o presidente provincial.