O INE, no seu informe da Conxuntura Turística Hoteleira, mantén ao municipio como un destino de referencia no noroeste peninsular.
Sanxenxo, 23 de outubro de 2025.– Sanxenxo rexistrou 103.509 pernoitacións hoteleiras o pasado mes de setembro, segundo o último informe elaborado polo INE sobre Conxuntura Turística Hoteleira. Unha cifra que supón o 24,21% das rexistradas na provincia durante o noveno mes do ano e que xa supera as alcanzadas no mes de xuño (93.680 pernoitas).
Cómpre lembrar que se trata só de pernoitacións hoteleiras, é dicir, refírense unicamente a unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos, en concreto a unhas 9.415 prazas hoteleiras, xa que Sanxenxo conta con 54.833 segundas residencias, 13.365 prazas en vivendas de uso turístico, 4.773 en cámpings e 2.767 en apartamentos turísticos.
En canto ao número de establecementos hoteleiros abertos, o INE contabiliza 135, con aproximadamente 3.981 habitacións dispoñibles e arredor de 7.843 prazas. Tamén se realiza un cálculo sobre o persoal empregado, que durante o mes de setembro ascendeu a 1.056 persoas.
Por outra banda, Exceltur inclúe a Sanxenxo no seu último Atlas de contribución municipal do turismo en España 2024, situándoo na posición 46 dentro dos 100 municipios máis influentes e no posto 37 entre os municipios costeiros. Sanxenxo é o único destino galego incluído no ranking.
O Atlas da contribución municipal do turismo en España recolle información dos 500 municipios españois con maior número de prazas de aloxamento turístico regulamentado de mercado, actualizada para o ano 2024.
Na presente edición, ademais da información relativa ás características máis importantes da súa oferta turística e as súas implicacións sobre os distintos niveis de contribución social do turismo, en termos de emprego, así como a relevancia do seu tecido económico e social, incorpóranse indicadores de evolución da oferta para identificar o modelo de desenvolvemento turístico cara ao que se está a transitar nos diferentes territorios da xeografía española.