Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PROPÓN A CASTRO FIGUEIRO PARA A MELLORA DA ACCESIBILIDADE DO PASEO DE SILGAR E A ADAPTACIÓN DA BALAUSTRADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa realizará a actuación por 394.905 euros e reduciu o prazo de execución a un mes

Sanxenxo, 8 de maio de 2026.- O Concello de Sanxenxo propón á empresa Castro Figueiro a mellora da accesibilidade peonil no Paseo de Silgar, desde a Rúa Ourense ata a Rúa Rosalía de Castro, así como a mellora do pavimento do miradoiro e a adaptación da balaustrada, que en ningún caso se substituirá, á normativa de seguridade vixente. A empresa, que deberá presentar a documentación requirida nos próximos días, realizará a actuación por 394.905 euros cunha redución do prazo a un mes.

A actuación, que será cofinanciada coa Xunta de Galicia, ten como obxectivo avanzar na accesibilidade peonil colocando unha plataforma única e, polo tanto, eliminar o chanzo entre a rúa e a beirarrúa. Ademais, incorporarase novo mobiliario urbano e outros elementos como poden ser xardineiras, bancos ou sinais. A plataforma única terá o mesmo deseño que a realizada no primeiro tramo con adoquín prefabricado de cor azul de 10 centímetros de espesor para eliminar a barreira arquitectónica que actualmente supón o bordo.

En canto ao tramo de 120 metros de balaustrada, que coincide coa caída de maior altura do muro, entre 6 e 9 metros, o Concello optou pola colocación dunhas barras de aceiro inoxidable entre os ocos da balaustrada que sobresairán pola parte superior, que se rematará cun pasamáns. Desta forma, garántese o metro e dez de alto que obriga a normativa, permitindo manter a estética orixinal do Paseo de Silgar, garantindo a seguridade e sen impedir ver o mar.

Tamén existe xa proposta de adxudicación para o proxecto de mellora da pavimentación e ordenación da circulación do tráfico rodado na Rúa de Vigo, o Paseo Praia de Silgar e o Camiño de Baltar, así como a mellora da regulación do tráfico na intersección do Camiño de Baltar e a estrada PO-308, no núcleo urbano de Sanxenxo. Tamén se pretende mellorar a seguridade dos peóns dotando de beirarrúa a senda que discorre agora a nivel da calzada no Paseo Praia de Silgar. O Concello propón a Marconsa, única licitadora, cunha oferta de 345.005 euros.

0
0
0
s2sdefault