Concello de Sanxenxo - SANXENXO AUTORIZA 207 FOGUEIRAS DE SAN XOÁN CUNHA PREVISIÓN DE 2.669 ASISTENTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 19 de xuño de 2026.- Un total de 207 fogueiras é o número de permisos que o Concello de Sanxenxo tramitou para o acendido das fogueiras de San Xoán, das que 183 se realizarán en leiras privadas, 8 na praia de Caneliñas, 10 en Silgar, 2 na Panadeira e catro en diferentes espazos públicos. Nas autorizacións inclúese o número de participantes, polo que o Goberno local prevé que acudan a estas fogueiras un total de 2.669 persoas, acadando este ano a cifra máis alta das últimas edicións.

Por este motivo, o Concello porá en marcha un operativo especial da Policía Local, Emerxencias e o servizo de limpeza. O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para esa noite, desde as 22:00 horas ata as 6:00 horas da madrugada do día 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21:00 horas e, ás seis da mañá, procederase ao desaloxo das praias para a súa limpeza, garantindo que estarán en perfectas condicións a primeira hora da mañá.

Por motivos de seguridade, non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valados para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida das cinzas. Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras nestes areais atópase a queima unicamente de leña limpa e, en ningún caso, de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro nin reproducir música cun volume que poida molestar ás zonas de vivendas.

Ata o 25 de xuño continúa aberto o prazo para solicitar os permisos das fogueiras de San Pedro.

0
0
0
s2sdefault