Concello de Sanxenxo - SANXENXO VIVIRÁ UN VERÁN CUNHA INTENSA PROGRAMACIÓN CULTURAL CON MÚSICA, CINE, TEATRO, MAXIA E EXPOSICIÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

SANXENXO VIVIRÁ UN VERÁN CUNHA INTENSA PROGRAMACIÓN CULTURAL CON MÚSICA, CINE, TEATRO, MAXIA E EXPOSICIÓNS

O Concello aposta por potenciar os tardeos musicais en distintos puntos das vilas de Portonovo e Sanxenxo

Sanxenxo, 25 de xuño de 2026.- Sanxenxo gozará dunha ampla e variada programación cultural este verán, pensada para todos os públicos e para as sete parroquias do municipio. O concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, presentou esta mañá as actividades previstas no salón de plenos do Concello. “A programación arranca o 3 de xullo e non para ata finais de setembro”, indicou Pérez, que aproveitou tamén para agradecer “a implicación de colectivos e asociacións do municipio”.

Sanxenxo celebrará o III Ciclo Internacional de Maxia de Sanxenxo con cinco actuacións e Cine na Rúa con outras tantas proxeccións ao aire libre como Buffalo Kids, Wallace e Gromit, Odio el verano, Rondallas e La familia Benetón.

Non faltará a música nas rúas e prazas con máis de vinte actuacións a través dos Tardeos Musicais en distintos puntos das vilas de Portonovo e Sanxenxo, así como os Concertos na Rúa.

O verán traerá ademais oito grandes actuacións e espectáculos coa cultura galega como protagonista con The Crass, O Camiño do Amor, Queiman e Pousa, Coribantes, Óscar Ibáñez, Xurxi Fernández, Brath e Quimera.

A tradición e o patrimonio terán tamén o seu protagonismo con Portugal no Camiño, a IX Muiñada Soalleira de Dorrón, a Feira de Produtos Galegos, o XI Certame de Pintura Rápida "Arra como Antiga Parroquia", a Festa Labrega de Bordóns, Herdanzas da Nosa Terra, as XVI Xornadas Sanxenxo na Historia e Danza III. Cantigas e Agarimo.

O programa tamén reserva un apartado especial para a mocidade e a cultura urbana con Urban Feira, Oceanis Festival 2026, o XVI Campionato Mundial de Colchonetas ou a XXVI Milla Vila de Sanxenxo. A gastronomía e as festas populares tamén terán un papel destacado con doce citas festivas entre as que se atopan a Festa Ye-Yé en Bordóns, a Festa da Bicicleta en Vilalonga, a Festa da Ostra en Noalla, a Festa do Verán en Dorrón, a Feira da Cebola, A Tortilla máis Grande do Mundo ou a XXXVIII Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas, entre outras.

No programa estival tampouco faltarán as exposicións como Viaxe ao Sanxenxo de 1900, con explicacións de historiadores durante os roteiros, Rostros, Ollares na Rúa, 14 Miradas e Bicos de Fé.

As artes escénicas serán tamén protagonistas con cinco eventos de circo, acrobacias e clown a través dos espectáculos Historias de Bemol Pequeno, o Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, Rogelio III, C'est pas Possible, Museo Encantado e a II Gala Sanxenxo Maxia Festa.

0
0
0
s2sdefault