A instalación, valorada en 45.000 euros, foi doada polo Grupo Indalsu.
Sanxenxo, 14 de xullo de 2026.- A praia de Silgar estrea este verán unha nova pérgola bioclimática de aluminio, pioneira en praias, para persoas con mobilidade reducida. A estrutura, que mide 14 metros de longo e 5,5 metros de ancho, está valorada en 45.000 euros e foi doada polo Grupo Indalsu.
O alcalde, Telmo Martín, xunto ao concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, visitaron esta mañá a nova instalación co conselleiro delegado da firma, Antonio Fernández. “Este equipamento único en praias que nos doa o Grupo Indalsu vai coa marca Sanxenxo e cos distintivos acadados en areais como o de Silgar”, dixo Martín.
A estrutura dispón dunha iluminación perimetral LED con lamas que se moven seguindo a dirección do sol ata un ángulo negativo de 110º. Deste xeito, conséguese unha ventilación natural con sensación de aire acondicionado natural. O lacado especial da pérgola está homologado e garantido contra a corrosión durante vinte anos. “Téñolle un cariño moi grande ao pobo de Sanxenxo porque parte do ano pasámolo aquí e queriamos ter este detalle cos bañistas da Praia de Silgar”, asegurou Antonio Fernández.