Sanxenxo, 7 de agosto de 2026.- O Concello de Sanxenxo incrementa nun 54 % o gasto en emerxencia social ata os 338.342 euros no novo contrato cunha duración de catro anos. A finalidade destas axudas é dar resposta inmediata ás situacións puntuais de necesidade xeradas por unha emerxencia individual ou familiar, derivadas de gastos específicos de carácter básico, como a alimentación ou a hixiene persoal e do fogar.
Deste xeito, o municipio continúa coa súa tendencia ascendente no que respecta ao gasto social, situándose nos 225 euros por habitante, cun orzamento total na área de Servizos Sociais superior aos 4 millóns de euros.
A prestación do servizo realizarase, en todo caso, mediante un sistema de tarxeta prepagamento ou similar que garanta o anonimato da persoa usuaria, evitando a súa estigmatización e favorecendo a integración social das persoas desfavorecidas. A entidade adxudicataria do contrato emitirá unha única tarxeta por persoa usuaria, entendendo como tal aquela que se atopa nunha situación de emerxencia social e precisa cubrir as necesidades básicas do día a día.
Durante o ano 2025, a través dos Servizos Sociais, atendéronse 58 familias mediante estas axudas de emerxencia. Delas, 26 dispoñen de tarxetas para a compra de alimentos e outras 32 reciben axudas para prestacións básicas como o pagamento do alugueiro, a compra de medicamentos ou consultas ao dentista e ao oftalmólogo. Ademais das axudas económicas, son numerosas as familias ás que os Servizos Sociais lles ofrecen apoio para a inserción laboral, educación familiar e asesoramento xurídico.