Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REFORZA O 90% DOS SERVIZOS DO CENTRO DE DÍA COA POSTA EN MARCHA DO NOVO CONTRATO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, visitaron hoxe as instalacións coa adxudicataria Clece

Sanxenxo, 2 de novembro de 2026.- Sanxenxo mantén a súa aposta firme polo coidado dos maiores do municipio e a conciliación familiar. O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá, acompañado da concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, as instalacións con motivo da entrada en vigor do novo contrato de xestión do Centro de Día municipal Virxe do Carme.

O novo concurso permitiu incrementar a partida destinada á xestión deste servizo nun 22%, é dicir, 700.000 euros, durante os próximos catro anos de duración do contrato. “Unha mellora que permite reforzar o 90% dos servizos que se prestan aos 80 usuarios nestes momentos, como son enfermería, traballadora social, auxiliares de xeriatría, terapeuta ocupacional… Sen dúbida, trátase de apostar polo capital humano, clave na atención dos nosos maiores”, dixo o alcalde.

O servizo conta cunha lista de agarda, nestes momentos, de 39 persoas, malia ser o Centro de Día Municipal de Galicia con maior número de prazas. O seguinte é o de Lugo, con 73, e o de Leiro, con 50. “Non nos esquecemos destas 39 familias que están en lista de agarda, pero con este novo contrato reforzamos a nosa aposta polos nosos maiores e a conciliación das familias”, dixo. Na mesma liña, lembrou a posta a cero da lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou os trámites para a posta á disposición da Xunta dun terreo para a construción dunha Residencia de Maiores. “Temos moi presente que Sanxenxo conta con 4.239 persoas maiores de 65 anos e que supoñen o 24% da poboación”, destacou o alcalde.

Pola súa banda, o delegado de Clece Maiores en Galicia, Alberto Domínguez, incidiu en que levan desde 2012 xestionando o servizo en Sanxenxo. “É moi fácil traballar nun concello coma este, no que se preocupan moito dos seus maiores. Agradecer tamén a dedicación das traballadoras, que son a clave do éxito e de que isto funcione tan ben”, dixo.

0
0
0
s2sdefault