A actuación ten un custo de 102.737 euros e será financiada con fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra
Sanxenxo, 6 de novembro de 2026.- O Concello de Sanxenxo acaba de licitar a humanización do tramo urbano do regato de Lavapanos que comunica a rúa Madrid coa rúa Progreso como zona de lecer e descanso. A actuación ten un custo de 102.737 euros e será financiada cos fondos do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. O obxectivo é recuperar un corredor fluvial urbano degradado e oculto, afectado pola proliferación de vexetación espontánea e a acumulación de residuos, restaurando as súas marxes, recuperándoo ambiental e paisaxisticamente e dotando a contorna dunha nova infraestrutura verde-azul de calidade.
A mellora da conexión, unida ao novo espazo de descanso e lecer xerado no tecido urbano de Sanxenxo, son os protagonistas da actuación.
Esta nova praza articúlase arredor de elementos de mobiliario urbano: bancos circulares e curvilíneos de sección variable e xardineiras a ras do chan que albergan vexetación e especies arbóreas, integrándose de maneira harmoniosa na paisaxe de ribeira recuperada mediante transicións morfolóxicas suaves e texturas de materiais naturais.
A iluminación ambiental de baixo consumo garantirá a seguridade sen afectar o ecosistema nocturno. A interconexión vertical coa rúa situada na cota superior e coa praza na cota inferior materialízase mediante unha escaleira de formigón. A lámina de auga resultante será o centro de atención paisaxístico e o principal elemento de articulación do conxunto, achegando frescura, son da auga e humidade ambiental á contorna inmediata.
A paleta vexetal prioriza especies adaptadas ao clima atlántico-litoral galego, seleccionadas pola súa rusticidade, baixa necesidade hídrica e compatibilidade ecolóxica: Jacaranda mimosifolia, Cycas revoluta, Strelitzia reginae, Carex, Stipa tenuissima, Yucca rostrata, Diosma Sunset Gold e Rosmarinus officinalis. Plantaranse en xardineiras modulares integradas no mobiliario con substrato drenante.