Concello de Sanxenxo - Infraestruturas
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Concellerías

P.I.C. - Punto de Información Catastral

Desde hai algúns anos a demanda de información catastral aumentou considerablemente. Isto débese sobre todo ao apoxeo urbanístico nacional, que require á súa vez por parte de promotores, titulares catastrais, etc. coñecemento, non só a preto dos Plans Xerais de Ordenación Municipal, senón tamén dos datos de natureza catastral, contidos na Base de Datos Nacional do Catastro (BDNC). Esta base de datos é actualizada seguindo os traballos realizados polas Xerencias e Subxerencias do Catastro, directamente ou a través das Administracións, entidades e corporacións públicas.

Cada vez son máis, os que dispoñen dos medios informáticos e telemáticos apropiados, xa que cada vez son máis os fogares que teñen conexión a Internet.

Debido a esta crecente demanda, a Dirección Xeral do Catastro constituíu a Oficina Virtual do Catastro (OVC) (Resolución do 28 de abril de 2003) e os Puntos de Información Catastral (PIC), (Resolución do 29 de marzo de 2005), como instrumentos para difundir publicamente os datos contidos na BDNC. Recentemente estas dúas Resolucións están derrogadas, sendo a resolución do 24 de novembro de 2008 da Dirección do Catastro, a que aproba o funcionamento da Oficina Virtual do Catastro e os Puntos de Información Catastral.

 

1. Servizos que ofrece o Punto de Información Catastral:

En liñas xerais o que ofrece o Concello de Sanxenxo, a través do seu Punto de Información Catastral, é evitar aos cidadáns os desprazamentos ás dependencias de Xerencias Territoriais do Catastro ou ás propias Direccións Xerais á hora de solicitar información ou certificacións de carácter catastral, xa que os certificados catastrais telemáticos obtidos a través dos PIC producirán os mesmos efectos que os certificados expedidos polos órganos da Dirección Xeral do Catastro.

Á hora de solicitar estes servizos, o cidadán debe ter en conta se a consulta ou certificación catastral é sobre datos catastrais protexidos ou non protexidos. Enténdese como datos catastrais protexidos os incluídos no artigo 51 do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2004, do 5 de marzo. Isto é, nome, apelidos, razón social, código de identificación e domicilio de quen figure inscritos no Catastro Inmobiliario como titulares, o valor catastral e os valores catastrais tanto do chan como da construción, dos bens inmobles.

Aclarado o anterior os servizos que ofrece o PIC son os seguintes:

  1. Servizo de consulta de datos catastrais non protexidos.
  2. Servizo de consulta e certificación electrónica para os titulares catastrais dos datos protexidos, relativo aos bens inmobles da súa titularidade.
  3. Servizo de certificación negativa de bens inmobles ou da circunstancia de non figurar como titular catastral, relativa ao propio solicitante.

 

2. Quen pode solicitar este servizo:

No que respecta aos datos catastrais non protexidos, todo cidadán pode acceder á súa consulta.

Se o servizo é de consulta ou certificación de datos catastrais protexidos, só poderán acceder a estes, os titulares catastrais ou os seus representantes. En ambos os casos poderase acceder a estes datos catastrais tanto protexidos como non protexidos de dúas maneiras:

  1. A través de Internet: na Oficina Virtual do Catastro (OVC). 
  2. A través do PIC do Concello de Sanxenxo, ou doutro concello: neste caso se se trata dunha consulta de datos catastrais non protexidos, basta coa mera petición do interesado. Se pola contra o servizo é de consulta e certificación electrónica dos datos catastrais protexidos o solicitante deberá presentar a súa solicitude no PIC, a través do modelo oficial, que se poderá obter nos Puntos de Información Catastral, na páxina web da Dirección Xeral do Catastro ou na web www.sanxenxo.es.

Se o solicitante non é o titular catastral, xunto á solicitude debe presentarse a documentación acreditativa da representación ou autorización con que se actúe, cuxa validez e eficacia será constatada polo responsable do servizo na propia solicitude. Este modelo de autorización tamén será facilitado no PIC ou na web www.sanxenxo.es.

 

3. Modelos / Documentación:

  • Solicitude de consulta e certificación de datos protexidos dos bens inmobles da súa titularidade. - DESCARGA SOLICITUDE
  • Se o solicitante actúa a través de representante deberá achegar á solicitude anterior Modelo de autorización do titular catastral,o presente documento debe acompañarse da fotocopia do D. N.I. do autorizante,o autorizado debe acreditar a súa identidade - DESCARGA AUTORIZACIÓN

 

4. Lexislación : 

  • Resolución do 24 de novembro de 2008, da Dirección Xeral do Catastro, pola que se aproba o réxime de funcionamento da Oficina Virtual do catastro e dos Puntos de información Catastral.
  • Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.
  • Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.

 

5. Dirección e Teléfonos de interese:

O Punto de Información Catastral do Concello de Sanxenxo está situado na Planta 1 da Casa Consistorial na Rúa Madrid Nº 1, 36960 Sanxenxo (Pontevedra).

Tel.: 986 720 075

Fax: 986 721 022

E-mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 

6. Horario:

O PIC do Concello de Sanxenxo atenderá todas as peticións dos cidadáns na medida do posible, de luns a venres desde as 9.00 ata as 14.00 horas.

Servicios Generales