Concello de Sanxenxo - Segundo encontro interdepartamental do Consello da Igualdade
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Entre as medidas incluídas no IV Plan de Igualdade do Concello de Sanxenxo, inclúese a incorporación da perspectiva de xénero na organización interna municipal como garante do principio de igualdade. Esta medida pertence á área 1, "Transversalidade de xénero na Administración local", como obxectivo específico desta área.

O seu obxectivo é garantir que se cumpran as accións incluídas neste IV Plan de Igualdade. Para iso, integrarase o principio de igualdade de oportunidades como estratexia de acción e creación do Consello da Igualdade cos diferentes departamentos do Concello como mecanismo de participación. "Coa súa constitución establécese o marco de relación e atribúense responsabilidades aos departamentos comprometidos co desenvolvemento do plan", destaca Silvia Freire, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade.

Este Consello reunirase tres veces este ano 2019. A primeira das reunións foi de constitución e toma de contacto.

A segunda tivo lugar o 25 de abril e foi de formación e sensibilización. Falouse de estereotipos de xénero, sexismo na comunicación audiovisual e da importancia de coidar a lingua que aínda hoxe é discriminatoria con algúns grupos, especialmente neste caso, coas mulleres. Para iso, é necesario usar unha linguaxe neutra. Realizáronse exercicios en grupo de análise crítica de situacións cotiás e houbo un debate posterior para sensibilizar e orientar as pautas a seguir para conseguir unha igualdade real de oportunidades e que, pouco a pouco, Sanxenxo poida ser un exemplo de igualdade na súa administración local.

A terceira estaba prevista para o 16 de maio, pero será posposta por razóns de axenda, posiblemente para o 23 de maio e será para compartir os resultados e avaliar os coñecementos adquiridos.

O PLAN

O Departamento de Servizos Sociais e a empresa encargada elaboraron en decembro de 2017 o IV Plan de Igualdade, que inclúe todas as medidas e iniciativas para a igualdade para os próximos 4 anos, 2018-2021.

O Plan de Igualdade é un documento amplo de case 80 páxinas que inclúe iniciativas de igualdade distribuídas en 8 áreas de actuación, con obxectivos específicos e 61 accións concretas que se desenvolverán nos próximos catro anos. Cada acción inclúe un obxectivo específico, os departamentos e axentes implicados na súa implementación e os indicadores para avaliar o nivel de cumprimento.

0
0
0
s2sdefault