Concello de Sanxenxo - SANXENXO FIRMARÁ UN CONVENIO CO BANCO MÉDICO FARMACÉUTICO DE GALICIA PARA FINANCIAR TRATAMENTOS DE USUARIOS DE SERVIZOS SOCIAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo e a fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia asinarán un convenio de colaboración para financiar os tratamentos médicos de usuarios de Servizos Sociais do municipio e que pola súa situación de precariedade económica non poidan asumir o seu custo.

Ata agora era o Concello de Sanxenxo o que cubría este tipo de tratamentos que ían dende elementos ortopédicos ata medicacións de enfermos crónicos. Este acordo coa fundación permitirá ampliar a cobertura de tratamentos e o cofinanciamento dos custos derivados de fármacos ou tratamentos médicos para persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade empadroados no municipio de Sanxenxo.

Entre as finalidades deste convenio atópanse, ademais, a colaboración no pago de terapias e tratamentos a nenos con parálise cerebral, síndrome de Down ou enfermidades raras; o asesoramento sanitario, xurídico ou psicolóxico a familias que o necesiten; a difusión a través de campañas dun uso racional de medicamentos e tratamentos, así como de programas de loita contra o cancro, charlas nos centros educativos orientadas á concienciación e sensibilización dos menores sobre esta enfermidade.­­­

Así, no caso do financiamento de audífonos, o 20% correrá a cargo do Concello de Sanxenxo mentres que o 80% restante será achegado polo Banco Médico de Galicia.

No caso de monitorización de glicosa, a achega farase a un 50%. En todo caso, todos estes tratamentos deberán contar cun informe da traballadora social e axustarse aos criterios establecidos na Ordenanza de Emerxencia Social do Concello de Sanxenxo. Ademais, deberán ir acompañados por un informe médico expedido polo Sergas ou polos servizos médicos e farmacéuticos da fundación Banco Médico Farmacéutico de Galicia.

O convenio terá inicialmente unha vixencia ata final de ano, pero o goberno está convencido que a colaboración co Banco Medico Farmacéutico estenderase por moitos anos.

0
0
0
s2sdefault