Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTRATARÁ A 26 VIXIANTES DE APOIO E A 82 SOCORRISTAS E SANITARIOS PARA AS PRAIAS ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os areais de Sanxenxo contarán o próximo verán cun importante reforzo de persoal para garantir a seguridade e o control. O goberno local convocará unha bolsa conxunta de socorristas e sanitarios na que se inclúe por primeira vez a figura de vixiante de apoio que se encargará de velar polo cumprimento de aforamento e as medidas de distanciamento para frear a propagación do Covid 19. A contratación de persoal será un dos puntos da orde do día que se abordará no Consello de Administración de Turismo de Sanxenxo que terá lugar mañá en sesión urxente e extraordinaria.

Ante a posibilidade de que Sanxenxo sume tres novas bandeiras azuis este verán, o Concello prevé a contratación de 82 socorristas e sanitarios, dez máis que o verán pasado, e 26 vixiantes de apoio. En total, o persoal destinado a praias incrementarase en 36 persoas, que suporá unha pequena contribución á redución das actuais cifras de paro no municipio.

As condicións de selección de bolsa de contratación veranse modificadas polas actuais situacións excepcionais. Co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades e evitar situacións de risco eliminaranse as probas físicas presenciais e a documentación requirida presentarase por rexistro con cita previa. Os interesados serán avaliados a través dun test que se realizará por vía telemática e cunha valoración de méritos.

Durante o Consello de Administración de mañá tamén está previsto que se acorde o levantamento da suspensión do servizo de balizamento, concurso paralizado polo Estado de Alarma, e para o que aínda quedan catro días de prazo. Cabe lembrar que saíu a concurso o pasado mes de marzo por 257.730 euros e que inclúe novidades como iluminación nocturna nas praias urbanas de Silgar, Panadeira e Caneliñas. Durante a sesión acordarase a saída a concurso do servizo de limpeza de aseos en praias que este ano e debido á situación de alerta sanitaria incrementará a frecuencia de limpeza e desinfección. Cada un dos módulos de aseos limparase cada hora e media desde a súa apertura. O prezo base de licitación é de 70.575,44 euros (IVE incluído). O obxectivo é garantir a máxima hixiene cando arrinque a tempada estival e as praias vólvanse a abrir ao baño.

0
0
0
s2sdefault