Concello de Sanxenxo - O GOBERNO PON A DISPOSICIÓN 1.100 PRAZAS DE APARCADOIRO GRATUÍTAS NO CENTRO URBANO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local acondicionou sete bolsas de estacionamento, catro delas son novas este verán e suman 535 prazas

A implantación da prioridade peonil e a mellora da calidade urbana no centro da vila de Sanxenxo levarán parella a dotación de novas prazas de aparcadoiro gratuíto. O goberno local pon a disposición de veciños e visitantes un total de 1.100 estacionamentos distribuídos en sete parcelas situadas no centro urbano de Sanxenxo que compensarán as 38 prazas suprimidas coa humanización do Paseo de Silgar.

O goberno negociou a cesión do terreo con propietarios de dúas parcelas situadas na Rúa Vigo, con capacidade para 235 vehículos, e doutra parcela máis en Progreso, á altura da nova rotonda no cruzamento coa Rúa Castelao, onde poderán estacionar 240 coches. A este tres novos estacionamentos disuasorios sumar outro que se habilitou nunha parcela municipal en Miraflores, próximo ao Pazo de Emilia Pardo Bazán, con capacidade para 160 coches. Estes estacionamentos foron acondicionados esta semana coa roza do terreo e coa dotación de puntos de luz.

Durante este verán manterase tamén o que xa está operativo na Rúa Progreso, na confluencia con Rúa Cesteiros, con capacidade para 72 vehículos; a bolsa de aparcadoiro de detrás da igrexa do Templo Novo con 153 prazas e o que se atopa nunha parcela de O Tombo na que poden estacionar até 240 vehículos. Ás prazas de estacionamento gratuítas súmanse as 340 de pago do parking Nauta e a Praza do Mar, e as dispoñibles no estacionamento de Fonte de Ramos, tamén de pago.

Co obxectivo canalizar mellor o tráfico de Silgar e informar os condutores, dous paneis informativos en Progreso, na rotonda con Castelao e outro na de Arnelas, á altura da estación de autobuses, indicarán desde este fin de semana o estado de ocupación do parking de Nauta.

As medidas postas en marcha polo goberno para dar maior protagonismo ao peón melloran a calidade urbana de Sanxenxo contribuirán a dinamizar a actividade comercial e hostaleira.

 

0
0
0
s2sdefault