Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL IMPÓN 123 MULTAS POR NON LEVAR MÁSCARA DURANTE O FIN DE SEMANA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Denuncian a un local de Portonovo tras interceptar a 17 menores no seu interior, oito deles consumindo alcol

A Policía Local de Sanxenxo impuxo durante o pasado fin de semana 123 multas por non levar a máscara ou por facer un uso incorrecto dela. A maioría destes incumprimentos detectáronse durante a noite e madrugada, 105 casos, mentres que, durante o día, ascenderon a 18. Durante os últimos días, os axentes incrementaron os controis, cun traballo de información primeiro e de sanción despois. A máscara debe tapar o nariz e a boca, e as multas por non levalas ou levalas mal ascenden a 100 euros. "É unha misión de todos cumprir coas regras para acabar con esta pandemia. Non se póde ter un policía por cada cidadán e é preciso concienciarnos do problema. Estou moi satisfeito polo traballo dá Policía, pero gustaríame que foran moitas menos as sancións", explica o alcalde, Telmo Martín.

Desde o pasado domingo ás doce da noite, o uso da máscara é obrigatorio en todos os espazos públicos, tanto abertos como pechados, con independencia de que se poida manter a distancia social. Nas praias e piscinas só poderase estar sen ela durante o baño ou mentres se estea tomando o sol sen desprazarse, xa que nos paseos pola beira será obrigatoria. Deben levala todas as persoas maiores de 6 anos salvo enfermidade ou dificultade respiratoria e excepto cando se practique algún deporte individual ao aire libre.

Durante este fin de semana, os controis nocturnos realizados pola Policía Local en colaboración coa Garda Civil saldáronse cunha denuncia a un local de Portonovo tras interceptar no seu interior a 17 menores, oito deles consumindo alcol. Os axentes tramitaron unha denuncia contra o establecemento por unha falta moi grave ao ser, ademais, reincidente. Noutro local portonovés e unha terraza de Dorrón xestiónanse senllas sancións por non respectar o horario de peche.

O incumprimento da distancia de seguridade na terraza dun kiosko de praia tamén acabou este fin de semana cunha denuncia. A contía das multas neste caso vai desde os 750 euros para as infraccións leves até 3.000 euros para as moi graves. No balance, tramitáronse tamén cinco denuncias por ruídos en vivendas, unha delas con desobediencia á autoridade, e dúas por ouriñar en espazos públicos.

0
0
0
s2sdefault