Concello de Sanxenxo - O CONCELLO MELLORA A SEGURIDADE VIARIA NOS ACCESOS Ás PRAIAS DE CANELAS, BASCUAS E A GRANXA DE ABAIXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo mellorará a seguridade viaria nos accesos ás praias de Canelas, Bascuas e A Granxa de Abaixo coa reorganización da zona de estacionamento e o pintado que delimite unha senda que permita aos peóns acceder á praia de forma segura. Pensando na protección do peón e en mellorar a circulación na contorna dos areais, o goberno aplicará o sentido único nas actuais entradas e habilitará outra saída en Canelas e Bascuas para evitar o embude de vehículos en determinados momentos do día.

A actuación de seguridade viaria comezou na praia de Canelas co pintado dunha senda en vermello e branco, con pictogramas de peóns, que delimitan o espazo de circulación. Un modelo que xa se aplicou na Avenida dos Loureiros en Portonovo e no acceso a Fontoira desde a rotonda da vía rápida e que está a dar moi bos resultados. Durante a xornada de hoxe realizouse o pintado en Bascuas e reorganizáronse os aparcadoiros e os accesos ao areal. Mañá actuarase na Granxa de Abaixo coa senda peonil e a reorganización de aparcadoiros.

Estas actuacións enmárcanse dentro do plan de humanización e mellora da calidade urbana do municipio no que se prioriza a seguridade do peón e habilítanse espazos de convivencia segura. A velocidade redúcese en ambas as zonas a 20 quilómetros por hora.

Mellora na iluminación
O acceso á praia de Canelas dotarase de nova iluminación con doce novos farois led. A antigüidade e a escaseza dos elementos lumínicos limitaban o paseo pola zona durante a noite. O goberno local decidiu renovar os 6 puntos que estaban xa instalados con farois led e ampliar con outras 6 o paseo ao areal. O resultado ademais dunha evidente mellora na iluminación repercutirá no aforro enerxético que suporán este tipo de elementos. O investimento municipal nesta mellora ascende a 6.000 euros.

0
0
0
s2sdefault