Concello de Sanxenxo - PORTOS E CONCELLO ULTIMAN UN CONVENIO PARA CONVOCAR O CONCURSO DE IDEAS SOBRE A REMODELACIÓN DO PORTO DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os colexios oficiais de arquitectos e de enxeñeiros de camiños, canles e portos de Galicia colaboran na elaboración do prego

O alcalde, Telmo Martín, mantivo onte un encontro coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, en Santiago no que abordaron, entre outros asuntos, o convenio para convocar un concurso de ideas sobre a remodelación do porto de Portonovo no que conviven pasaxe e actividade pesqueira. Ambas as entidades implicaranse na consecución do mellor anteproxecto para a transformación da fachada marítima que implica tamén chan da vila mariñeira.

O obxectivo é poder asinar o convenio do concurso de ideas, no que colaboran os colexios oficiais de arquitectos e de enxeñeiros de camiños, canles e portos de Galicia, que previsiblemente entrará en vigor o próximo mes de outubro e cuxa dotación orzamentaria permita facer unha análise de usos e necesidades que convivan na zona.
Con este concurso preténdese unha profunda reflexión sobre as necesidades, premiando actuacións con criterios estratéxicos, funcionais, ambientais e sustentables, adaptándose ás necesidades sociais e de mobilidade da contorna.
O ambicioso proxecto para a zona portuaria de Portonovo que marcará as directrices de desenvolvemento portuario deberá contemplar a mellora do espazo puramente portuario así como a creación de espazos públicos, zonas verdes e prazas de aparcadoiro.
O rexedor expuxo, ademais, durante a reunión coa presidenta de Portos a firma dun posible convenio para a mellora integral do paseo de madeira de Os Barcos na vila de Sanxenxo e a posibilidade de que toda a zona sexa de competencia municipal debido ao seu actual peso turístico. Unha proposta que Lenguas se comprometeu a estudar.

0
0
0
s2sdefault