Concello de Sanxenxo - O CONCELLO XA TEN UNHA PROPOSTA DE ADXUDICACIÓN PARA CONSTRUÍR O LOCAL SOCIAL DE GONDAR POR 254.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa Vipeca Obras e Servizos obtivo a maior puntuación do concurso e reduce o prazo de execución da obra a 11 meses

O Concello de Sanxenxo xa dispón dunha proposta de adxudicación para construír o novo local social de Gondar. A obra que espertou o interese de catro empresas, unha delas excluída ao comezo do proceso, será realizada, a espera da entrega da documentación requirida, por Vipeca Obras e Servizos por 254.000 euros e un prazo de execución de 11 meses, cinco menos do que marcaba o prego. Entre as melloras valoradas tamén se atopa o prazo de garantía que se amplía até os catro anos.

A obra contempla a construción dun edificio dunha soa planta de 183 metros cadrados que se distribúe nun hall de entrada, unha gran sala polivalente, unha oficina, dous aseos e un almacén. Así mesmo, está previsto urbanizar o exterior cun aparcadoiro e unha zona verde garantindo a accesibilidade. A edificación contará con dúas únicas fachadas sobre rasante, polo cal as outras dúas prevense enterradas en dous  dos seus lados. O proxecto permite a integración da edificación na contorna da chaira pétrea existente e lindante coa Capela de Santo Tomé.

O proceso de licitación deu comezo o pasado mes de xuño despois de que a comisión de festas efectuase a modificación catastral da parcela que permitiu elevar a escritura pública a cesión. Os traballos realizaranse con cargo ao Plan Concellos e responderán a unha vella demanda veciñal.

0
0
0
s2sdefault