Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECUPERARÁ A CANLE DO RÍO SEAR E MELLORARÁ O CRUZAMENTO DO CAMIÑO MUNICIPAL QUE ATRAVESA EN DORRÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Recuperar a canle do río Sear e restaurar o cruzamento do camiño municipal que atravesa son dous dos obxectivos da obra que o goberno local acometerá antes de que conclúa o ano en Dorrón. Uns traballos que roldarán os 30.000 euros e que acabarán coas inundacións provocadas polos desbordamentos periódicos do río debido á deficiente canalización do leito fluvial. O prazo de execución das obras é de dous meses.

Os traballos contemplan a retirada dunha tubaxe duns 100 metros de longo e retomar a canle natural do río. Os problemas coa actual canalización provocaron afundimentos en parte do cruzamento que atravesa o río xerando un importante problema de seguridade viaria na contorna. A obra contempla tamén a reposición da pavimentación que, na actualidade, presenta gretas e mesmo fochas na parte máis próxima ao río.

As obras incluídas neste proxecto consisten na execución dun marco prefabricado de formigón armado para substituír o tubo dun metro de diámetro que atravesa o viario e o levantamento de 600 milímetros de tubo da canle do río. Unha vez construído o marco, executaranse os recheos correspondentes, reconstruíndo previamente un pequeno muro de mampostería e as aletas de contención de terras do marco. Posteriormente, executarase o paquete
de firme previsto, incluíndo unhas laxas de transición de formigón armado na entrada e saída ao marco prefabricado.

O goberno local quere recuperar unha zona que se inclúe dentro dun itinerario peonil de gran beleza paisaxística e potenciar os recursos naturais do municipio, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos usuarios.

Os traballos serán financiados con fondos sobrantes de 121.758,49 euros do Plan Concellos das anualidades 2018 e 2019.

0
0
0
s2sdefault