Concello de Sanxenxo - O XURADO DO CONCURSO DA PRAZA DE ABASTOS DE SANXENXO VISUALIZA AS 60 PROPOSTAS E VISITA A CONTORNA DO EDIFICIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Manterán un novo encontro telemático o próximo 9 de novembro para realizar unha primeira criba que derivará o 19 de novembro nos 7 finalistas

O xurado do concurso de ideas da praza de abastos de Sanxenxo, presidido polo alcalde, Telmo Martín, reuniuse onte por primeira vez no salón de plenos para recoller a documentación dixital das propostas, visitar o actual edificio e o seu enclave, e visualizar os paneis coas 60 ideas preseleccionadas, expostas na Sala Nauta. Ao encontro asistiron o seis vocais que conforman o xurado: Francisco Pico Mejuto, arquitecto designado pola Consellería de Economía; José Jorge Santos, arquitecto designado polo Colexio de Arquitectos de Galicia; Flavia Besada, concelleira de Urbanismo e arquitecta; Rafael Vázquez, arquitecto municipal do Concello de Sanxenxo; e Carlos Quintáns, arquitecto proposto polos concursantes. O tesoureiro do Concello, Luís Sabariz, actuou como secretario do concurso na reunión.

O xurado volverase a reunir o próximo 9 de novembro de forma telemática para realizar unha primeira criba tras analizar as sesenta propostas que derivará na selección dos sete finalistas e, por último, no gañador do concurso. O proxecto contempla a construción dun edificio de cinco plantas e dous sotos. Recolle tamén o acondicionamento da contorna e rúas adxacentes para o que se prevé un orzamento de 4.512.329 euros.

O xurado decidirá a mellor proposta non só estética senón tamén funcional que permita sacar o maior aproveitamento do espazo dun edificio situado no corazón urbano de Sanxenxo. "Gustaríanos facer do novo mercado un espazo emblemático, que sexa un referente non só a nivel estético senón tamén operativo e funcional. Hai calidade e orixinalidade nas ideas e agora hai que analizar a que mellor conxugue todo isto: Unha proposta transversal que dinamice a contorna", dixo o alcalde, tras a visualización das propostas.

O 19 de novembro elixirase a proposta gañadora entre o sete proxectos finalistas. O primeiro premio está dotado con 20.000 euros, o segundo, con 6.000 euros e o terceiro, con 3.000 euros. Ademais, entregaranse até catro accésits de 500 euros cada un. A proposta gañadora podería, se así o considera o Concello de Sanxenxo, ser a adxudicataria da redacción e dirección do proxecto.

0
0
0
s2sdefault