Concello de Sanxenxo - SANXENXO HABILITA AS PRIMEIRAS DÚAS RUTAS DE NADO EN AUGAS ABERTAS DO NORTE DE ESPAÑA ENTRE AS PRAIAS DE SILGAR-BALTAR E CANELIÑAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Sanxenxo xa conta coas dúas primeiras rutas de nado en augas abertas do norte de España entre as praias de Silgar-Baltar e Caneliñas. Unhas boias amarelas delimitan un percorrido seguro que empeza no extremo dereito da praia de Silgar bordeando Punta Vicaño polo mar até chegar a Baltar. A lonxitude do percorrido desta senda marítima é de 1.800 metros. O segundo itinerario atópase na Praia de Caneliñas e ten unha extensión de 150 metros. Os areais incluídos nestes dous primeiros carreiros contan ademais con sinalización vertical no que se dará información relevante sobre a actividade.
 
O proxecto está enmarcado dentro da colaboración entre o Concello e a Consellería de Cultura e Turismo pola recente declaración do municipio como Territorio de Preferente Actuación Turística, a primeira distinción deste tipo concedida en Galicia. O proxecto contou cun investimento de 18.000 euros.
 
A ruta de Caneliñas manterase balizada durante todo o ano ao tratarse dun areal protexido e menos golpeado polo mar, mentres que o Silgar-Baltar estará operativo como mínimo desde o 1 de marzo até o 31 de outubro. Nunha segunda fase prevese a instalación de despachos de billetes en cada praia dos itinerarios e a posibilidade abrir un terceiro carreiro do mar entre as praias de Panadeira e Nanín, así como a creación dun selo turístico para a actividade. 
 
Estas dúas canles veñen sumarse á oferta de lecer e deporte para os veciños de Sanxenxo e un polo de atracción para visitantes que busquen contacto co mar de forma segura durante os 365 días ao ano. En definitiva, trátase de mellorar a relación do ser humano co mar e a práctica da natación en augas abertas, podendo realizarse actividades lúdicas, ambientais, deportivas e pedagóxicas, sempre de forma segura e protexida aproveitando os espazos naturais do municipio.
 
0
0
0
s2sdefault