Concello de Sanxenxo - INSTALAN O PRIMEIRO TUBO XEOTEXTIL NA CARABUXEIRA QUE SERVIRÁ PARA CONTER A AREA NA PRAIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Nas próximas semanas, colocaranse outros dous, mergullados na auga, que actuarán de dique natural para reter o árido
 
O primeiro tramo de barreira natural que servirá reter o árido na Carabuxeira quedou instalado este martes na praia. Dende primeira hora da mañá, operarios da empresa concesionaria dos traballos, baixo a supervisión do director de obra, Fernando López, iniciaron a colocación do primeiro tubo xeotextil de 20 metros de longo no extremo do areal. Unha vez asentado no leito de area, comezou o dragado e recheo do tubo cunha mestura de area e auga ao 70% e 30%, respectivamente. 
 
O alcalde, Telmo Martín, e a tenente de alcalde, María Deza, xunto a técnicos de Costas e Portos acudiron á praia para supervisar uns traballos que proporcionarán unha solución pioneira en España, pero xa testada noutras zonas de Europa. "Son os primeiros xeotubos que se colocan en España. Estamos abrindo un novo camiño e agardamos que sexa unha boa solución para reter a area ata que se leve a cabo a actuación definitiva neste contorna", asegura Telmo Martín.
 
Nas próximas semanas, colocaranse os outros dous tubos xeotextís mergullados no mar e que completarán o dique natural de 70 metros de longo que facilitarán a retención de area na praia. A continuación, comezarase a estender a area para conformar o perfil da praia. Os xeotubos alcanzan unha altura de 1,35 metros de altura, unha vez recheos de árido, e unha anchura de catro metros. 
 
Até o momento extraéronse ao redor de 6.000 metros cúbicos de area que xa se atopa depositada na parte alta da praia formando elevacións que logo serán estendidas coa pa escavadora. En total, nesta fase provisional extraeranse 10.000 metros cúbicos de árido, equivalente a 1.000 camións de 20 toneladas cada un.
 
A previsión é que este verán os veciños e veciñas xa poidan gozar deste areal urbán rexenerado.
 
0
0
0
s2sdefault