Concello de Sanxenxo - PORTOS DE GALICIA E O CONCELLO DE SANXENXO IMPULSAN UN CONCURSO DE IDEAS PARA ESTUDAR A REORDENACIÓN DE ESPAZOS NO PEIRAO DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Ambas administracións asinan un convenio cos colexios de Enxeñeiros de Camiños e de Arquitectos para promover unha profunda reflexión sobre a remodelación da zona de servizo e a súa contorna inmediata

Portos de Galicia, o Concello de Sanxenxo, o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e o Colexio de Arquitectos de Galicia asinaron un convenio de colaboración para impulsar un concurso de ideas para a remodelación do peirao de Portonovo. Á sinatura do acordo, celebrada na sede do ente público, asistiron a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o decano do Colexio de Enxeñeiros, Enrique Urcola, e a decana do Colexio de Arquitectos, Elena Ampudia.

O obxecto do convenio é establecer a colaboración entre todas as partes para a convocatoria dun concurso de ideas co que facer unha profunda reflexión que permita remodelar, reordenar e definir un mellor aproveitamento do solo na zona de servizo do porto de Portonovo así como da súa contorna inmediata, que é de titularidade do Concello de Sanxenxo. O concurso de ideas será a nivel de anteproxecto e os destinatarios serán equipos multidisciplinares de arquitectos e enxeñeiros de camiños con competencia en materia de ordenación, construción e deseño portuario, ordenamento urbanístico, medio ambiente e deseño de edificacións.

O convenio asinado recolle unha proposta de premios por importe de 25.000 euros no caso do primeiro, 10.000 euros para o segundo e 5.000 euros para o terceiro. Estas cantidades asumiranas Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo ao 50% como principais impulsores da proposta.

Entre as directrices que deberán integrarse nas propostas técnicas que se presenten establécese o mantemento das catro actividades portuarias: pesca, pasaxe e náutica deportiva así como zona de varada e reparación de embarcacións. Así mesmo, deberá terse en conta a análise e mellora das necesidades de cada un dos sectores, con especial atención á pasaxe e a reparación naval, co estudio da posibilidade de traslado do foso pola súa ubicación lindante ao paseo marítimo e a variación da necesidade de solo de varada en temporada alta ou baixa.

Ademais, deberase atender ao atraque de embarcacións menores dando cabida ás históricas e a necesidade de dar unha boa solución de acceso á zona portuaria sen restricións pero sen interferir nos outros usos. Finalmente, a proposta deberá garantir a seguridade das operacións portuarias evitando acceso ás zonas que entrañen risco, como espaldóns ou zonas de traballo, e limitar a construción de infraestruturas marítimas do tipo de ampliación de diques, xa que a súa viabilidade pode ser cuestionable e dificulta a tramitación.

 

0
0
0
s2sdefault