Concello de Sanxenxo - COMEZAN AS OBRAS DE RECUPERACIÓN DA CANLE DO RÍO SEAR COA RETIRADA DA ACTUAL TUBAXE E A LIMPEZA DO LEITO FLUVIAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación solucionará os problemas de inundacións que se rexistran neste punto e que o fan intransitable

Os traballos de mellora da canalización do río Sear e a restauración da ponte sobre a canle xa deron comezo en Dorrón. A actuación arrincou coa retirada da actual tubaxe de formigón de 600 milímetros de diámetro e coa limpeza dunha parte da canle que se atopaba cheo de vexetación recuperando a anchura orixinal do leito fluvial.
O concelleiro de Obras e Servizos, Óscar Vilar Sartages, supervisou os traballos levados a cabo até o momento. "É unha obra moi necesaria para os veciños que a diario transitan por este viario. O investimento rolda os 30.000 euros", apunta.

A actuación, que se estenderá aproximadamente durante un mes, liquidará os problemas de inundación que se detecta neste punto, precisamente pola deficiente canalización, e que mesmo provocou o afundimento de parte do viario na zona da ponte baixa o que discorre a canle. A obra contempla tamén a reposición da pavimentación que presenta gretas e mesmo fochas na parte máis próxima ao río.

Nas próximas semanas instalarase baixo a ponte un marco de formigón de 8,75 metros de longo cunhas dimensións interiores de 2,50 metros de ancho por 2,00 metros de altura, sobre unha cama de grava. Unha estrutura a medida que está en plena elaboración. A actuación inclúe os recheos correspondentes, reconstruíndo previamente un pequeno muro de mampostería e as aletas de contención de terras do marco. Posteriormente, executarase o firme previsto, incluíndo unhas laxas de transición de formigón armado na entrada e saída ao marco prefabricado.

O obxectivo da obra é renovar o paso actual para así evitar problemas de inundacións e mellorar a seguridade viaria do camiño, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos usuarios que transitan a diario pola zona.

0
0
0
s2sdefault