Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLE A PRESENTACIÓN DO III RALLYE DE PONTEVEDRA QUE TERÁ LUGAR O 18,19 E 20 DE XUÑO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O evento terá como porto base o municipio, pero contará con distintas probas en Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Meaño
 
Sanxenxo inaugurará o seu calendario deportivo estival co "III Rallye de Pontevedra. Memorial Miguel Álvarez" que terá lugar os próximos 18, 19 e 20 de xuño. A cita presentouse esta mañá no Real Club Náutico presidida polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e a asistencia dos seus homónimos en Meaño, Carlos Viéitez, en Ponte Caldelas, Andrés  Díaz, e a portavoz do goberno de Cerdedo Cotobade, Lourdes Ovelleiro, así como o delegado da Xunta, Luís López, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez.
 
Tras a emisión dun vídeo coas imaxes do percorrido nas distintas probas, a escudería organizadora do acto, Corredoira Team Sanxenxo, tomou a palabra a través da súa tesoureira, Diana Rivas, que agradeceu a implicación público-privada no evento deportivo. "Quixera facer un especial recoñecemento a Escudería de Pontevedra 1984 por permitir usar este nome e poder facelo co nome de Miguel Álvarez que tanto fixo por este deporte", expuxo.
 
A proba incluída dentro do Campionato de Galicia de Rallyes do Asfalto, arrincará o venres 18 coas verificacións administrativas e técnicas na Praza dos Barcos. A continuación, haberá unha cerimonia de saída de tarde desde a Praza do Mar para disputar un Treito Espectáculo cronometrado no parque empresarial de Nantes. Ao día seguinte, o evento desprazarase á contorna do campo de fútbol de Portonovo desde onde os coches partirán cara a Ponte Caldelas. As saídas están previstas para as 8:54, 13:36 e 18:18 horas desde Vilarchán, pasando por Mirón, Borela (Cerdedo-Cotobade) e volvendo a Ponte Caldelas pola estrada Pé dá Múa para finalizar ás portas da Igrexa de Santa Baia. Unha vez rematada a proba, os vehículos regresarán ao Campo Municipal de Baltar para asistir á entrega de premios.
 
O deputado de Deportes, Gorka Gómez, destacou a importancia da sinerxía que xera o turismo, a economía e o deporte nos concellos nos que se disputará a proba. "Hai que recoñecer a valentía da organización que despois de ano e medio de pandemia se asimase a organizar esta cita que seguro será un éxito", dixo.
 
O delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López, cualificou de "gran noticia" o evento deportivo que "de seguro fará gozar aos amantes do motor" e agradeceu a implicación da escudería coa actividade.
 
Finalmente, o alcalde, Telmo Martín, mostrouse encantado de participar no evento deportivo xunto aos concellos de Meaño, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas. "Esta proba será o pistoletazo de saída a unha serie de eventos deportivos como La Vuelta Ciclista a España (4 de setembro), o Campionato de Europa de Vela de 6 metros (do 9 ao 19 de setembro bre) e a concentración de Amigos de la Moto de Sanxenxo", apuntou.
 
O Concello de Sanxenxo asinou esta mañá un convenio coa directiva da Corredoira Team Sanxenxo por valor de 15.000 euros. A organización prevé o desprazamento de preto de un milleiro de persoas ao municipio. Unha cifra á que habería que sumar os seguidores que arrastra este tipo de eventos e que a organización cifra en 15.000.
0
0
0
s2sdefault