Concello de Sanxenxo - O PASEO DE BALTAR CONTARÁ ESTE VERÁN COA SÚA PRIMEIRA FEIRA DE ARTESANÍA GALEGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Dar un salto de calidade son dous dos obxectivos principais que levou ao goberno a apostar este verán por un novo modelo de feira de Baltar, unha Feira de Artesanía Galega no Paseo de Baltar. Haberá en total 30 expositores nos que se porán á venda produtos de distintos materiais, pero sempre co selo de Artesanía de Galicia.

A empresa municipal Insula Sanxenxo ultima os pregos para sacar a concurso a xestión da feira e a subministración das casetas convencido de que é o momento de abrir unha nova etapa a unha actividade que atrae cada ano a miles de visitantes á vila portonovesa. Un novo modelo ofrecerá produtos diferentes aos que se venden no comercio local e axudará a dinamizar a actividade hostaleira e turística. A feira estará aberta desde mediados de xullo ata o 15 de setembro cun horario matinal e polas tardes.

A empresa ou asociación que gañe o concurso de xestión da feira que sairá a licitación deberá facerse cargo da seguridade e vixilancia, e dotar de contido a cita con talleres ou actividades puntuais que profunden na actividade feiral. A subministración das casetas realizarase a través doutro proceso que contemplará a montaxe, desmonte e unha sombra lineal ao longo de toda da feira a través dunha pérgola. A superficie de ocupación prevista das casetas será de 225 m2 aproximadamente, que se corresponde con 30 casetas de 7,50 m2 de superficie cada unha (3,00 m x 2,50 m). O prego contemplará dous modelos: As casetas frontais deberán contar con sistema de peche de apertura frontal completa e de persiana motorizada e as casetas de esquina deberán contar con sistema de peche de apertura frontal e lateral completos, e de persiana motorizada.

O contrato da subministración das casetas non será necesario o próximo ano. O goberno vai encargar un deseño exclusivo e propio para sacar a concurso a compra de expositores que poderán ser utilizados nos distintos eventos que organice o Concello ao longo do ano e para o que xa existe unha partida contemplada no orzamento deste ano de 120.000 euros.

0
0
0
s2sdefault