Concello de Sanxenxo - SANXENXO REXISTROU 61.453 PERNOITAS NOS 44 HOTEIS ABERTOS DURANTE O PASADO MES DE OUTUBRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O grao de ocupación roldou o 50% durante o décimo mes do ano, segundo as cifras do INE

Sanxenxo rexistrou 61.453 pernoitas nos 44 hoteis que permaneceron abertos durante o pasado mes de outubro. A cifra ratifica a recuperación turística e apoia os bos datos rexistrados tanto no parking de Nauta como nos consumos de auga no mesmo período. E é que, a pesar de que a situación sanitaria aínda non está superada, o número de pernoitas supuxo un incremento do 510% respecto de 2020 e tan só un 13% menos respecto de 2019, o mellor ano da serie histórica de Sanxenxo, e con 9 hoteis máis abertos que este ano.

O grao de ocupación das 4.129 prazas estimadas roldou o 50% durante os sete días da semana con apenas unha variación do 1% respecto ao fin de semana durante o décimo mes de ano. Estas cifras tamén se traduciron no persoal empregado neste período, un total de 562 persoas, apenas 57 persoas menos que en 2019 cando houbo un total de 53 hoteis abertos e 373 máis empregados que en 2020.

O goberno de Sanxenxo xunto ao sector turístico está a realizar unha forte aposta pola tempada que vai desde outubro a marzo co obxectivo de incrementar as cifras turísticas e de ofrecer ao visitante a posibilidade de coñecer un destino diferente ao da tempada estival. "No verán só podemos medrar na calidade dos servizos que ofrecemos, pero temos unha marxe importante de crecemento na tempada baixa e un gran potencial para acadar esta meta", asegura o alcalde.

A aposta polo Nadal como a terceira tempada do ano, por detrás de períodos vacacionais como a Semana Santa ou o verán, é xa unha realidade no municipio con cada vez unha maior oferta de aloxamentos e servizos turísticos.

0
0
0
s2sdefault