Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DERRUBARÁ AS ESCOLAS DE O TOMBELO E O EDIFICIO EXTERIOR DA SUBESTACIÓN DE VILALONGA ANTES DE FINALIZAR ESTE ANO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno ten reservada unha partida 72.000 euros nos orzamentos de 2021 para executar os traballos de demolición

O Concello de Sanxenxo acometerá antes de finalizar o ano dúas importantes derribas no municipio: As vellas escolas unitarias de O Tombelo en Noalla e o edificio exterior da subestación de Vilalonga. O alcalde, Telmo Martín, así o asegurou no Pleno ordinario celebrado o luns en resposta a unha moción presentada polo PSOE.

O goberno xa conta cun proxecto para a demolición do inmoble situado no recinto exterior da subestación de Vilalonga e asinará proximamente un convenio con UFD Distribución Electricidade para a cesión de uso do espazo por 99 anos, período máximo legal permitido. Este acordo permitirá converter a parcela nun espazo público, mellorar a seguridade viaria e a imaxe da entrada principal á parroquia coa dotación dunha marquesiña, unha parada de autobús e unha zona verde.

En canto ao edificio das escolas de O Tombelo, o Concello ultima o proxecto de derriba dun inmoble que se atopa en estado de ruína e non é posible a súa rehabilitación xa que a estrutura está moi danada. O goberno prioriza esta derriba ao atoparse o edificio en moi malas condicións de salubridade e próximo a vivendas. Posterior á derriba, achandarase o terreo e plantarase céspede quedando como zona verde para o goce dos veciños.

Ambos os edificios que serán proximamente derrubados son dos anos 60 e, en ambos os casos, contribuirá á mellora dos espazos municipais.

0
0
0
s2sdefault