Concello de Sanxenxo - BAILARÍNS DO PANORAMA INTERNACIONAL DARANSE CITA EN SANXENXO NO AROUSA WESTIE FEST
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O evento celebrarase no Hotel Carlos I Silgar desde este xoves e ata o vindeiro domingo

Sanxenxo volverá ser, por terceiro ano consecutivo, o epicentro do west coast swing, un tipo de baile en parella que se distingue por unha estética elástica entre os bailaríns e por dar moita marxe á improvisación. O Hotel Carlos I Silgar acollerá desde desde este xoves e ata o vindeiro domingo o Arousa Westie Fest, un festival que reunirá a figuras destacadas do baile de distintos puntos do mundo desde Malaisia ata Reino Unido, Suecia, Rusia, Estados Unidos ou Dinamarca.

A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, acompañada do promotor da cita, Francisco Vidal, presentaron esta mañá o festival nas instalacións do Hotel Carlos I de Silgar. Torres agradeceu á organización a elección de Sanxenxo para asentar o seu festival que "xa se está consolidando no calendario de eventos do municipio en tempada baixa". E é que a edil de Cultura e Eventos destacou, facendo referencia aos datos do Big Data da Mancomunidade do Salnés que o crecemento turístico do municipio nestes períodos "confirma que a desestacionalización de Sanxenxo é xa unha realidade" e incidiu no apoio do Concello a este tipo de citas.

Vidal sinalou que xa se apuntaron 130 bailaríns que ademais do baile "veñen pola inmersión e a experiencia tanto cultural como gastronómica". Así, indicou que "temos unha programación moi completa con saídas para coñecer o municipio e arredores, unha noite con queimada e varias actividades que nos permiten amosar as nosas tradición galegas". A pesar de que a cita é xa internacional debido á orixe dos seus participantes, o Arousa Westie Fest obterá o próximo ano a certificación internacional. "Coa cita deste ano e as instalacións nas que o celebramos conseguiremos a categoría de internacional que suporá redobrar o número de participantes", indicou Vidal.

0
0
0
s2sdefault